A patronal galega celebrará o 15 de xaneiro as súas cuartas eleccións en ano e medio logo da dimisión do presidente Díaz Barreiros aos dous días de ser proclamado a semana pasada. A CEG continúa no seu caos interno e entre duras acusacións entre varios dos asociados.
Fálase
O PP simula que as súas contas en redes sociais foron "censuradas" e difunde nelas imaxes da bandeira venezolana e do presidente dese país, Nicolás Maduro, atribuíndoas ao que denomina "Ministerio de la Verdad". O pasado novembro, Alberto Núñez Feijóo acusara o Goberno de España de pretender "amordazar á prensa" e o colectivo Defende a Galega, formado por persoal da CRTVG, retrucara que o presidente da Xunta "de amordazar os medios sabe moito".
Portugal prevé trens directos Valença-Lisboa a comezos de 2021, cando remate as obras de electrificación da liña entre o Miño e Viana do Castelo, a onde xa chega o servizo Intercidades desde a capital.
O colexio de Castrelo do Val chámase desde este martes CEIP Plurilingüe Raúl Fernández en lembranza do falecido deputado e alcalde do PSdeG, mestre de profesión. O DOG publica o cambio de denominación do anterior CEIP Plurilingüe Castrelo do Val. [Imaxe: PSdeG]
Forte desprendemento de rochas nun arco dun dos cantís da praia de Augas Santas (As Catedrais) de Ribadeo sen causar danos persoais. O alcalde da vila, Fernando Suárez, subliña que fenómenos coma este son "inherentes á costa cantábrica, derivados da propia acción da natureza". “Ás administracións soamente nos queda tomar medidas preventivas ao respecto á veciñanza e aos visitantes da nosa costa, tomar conciencia das mesmas", subliña. Diversos estudos advirten dende hai anos destes riscos de desprendementos na zona e un deles provocou a morte dunha muller en 2018. (Imaxe: Concello de Ribadeo)
O TSXG rexeita o recurso de Alcoa contra o auto que lle prohíbe parar as cubas da factoría de San Cibrao. O tribunal considera “imprescindible” que as cubas permanezan en funcionamento para garantir a readmisión dos traballadores se os seus despedimentos fosen nulos
A negativa dunha futbolista galega a homenaxear a Maradona ecoa xa nos medios arxentinos e de todo o mundo, que destacan o rexeitamento de Paula Dapena ao minuto de silencio nun partido do Viaxes Interrías fronte ao Deportivo, unha acción reivindicativa da que deu conta Pontevedra Viva nunha reportaxe. Foto: © Tania Esperón
A Xunta só deixa fóra Baleares e Canarias da obriga de rexistro de viaxeiros que cheguen a Galicia. O DOG renova este luns a anterior listaxe de territorios, publicada o 11 de novembro e que debía ser actualizada aos 15 días naturais, na que está incluída a maioría de Europa, incluído Portugal.
Verín volverá mobilizarse este luns, un ano despois da gran marcha contra o peche do paridoiro, para pedir a retirada do expediente ao xinecólogo do hospital comarcal.
Marilar Aleixandre gaña o Premio Blanco Amor de novela longa coa obra As malas mulleres. O certame organizado pola Deputación de Ourense, na súa 39ª edición, elixe por unanimidade a obra da académica numeraria da RAG de entre 32 orixinais presentados.