A ourensá Textil Lonia merca a histórica marca francesa Christian Lacroix. A través dun comunicado, a compañía con sede no Pereiro de Aguiar anuncia a compra do 100% da empresa, que suma ás súas marcas Carolina Herrera e Purificación García. Na imaxe, de arquivo, unha antiga tenda de Christian Lacroix en Francia. [Imaxe: CC BY-SA Arnaud 25]
Fálase
Meta prescinde dos equipos de verificación da veracidade dos contidos en Facebook, Instagram e Threads. No marco dun achegamento ao novo Goberno de Donald Trump nos EUA, Mark Zuckerberg, máximo responsable da compañía, anuncia que substituirá esta moderación por notas da comunidade ao estilo da rede X -antigo Twitter- no que presenta como un movemento a prol da liberdade de expresión e contra a "censura" que atribúe a, entre outras, as autoridades europeas.
- HEMEROTECA | Marchar ou ficar no que foi Twitter? "X non está libre de ideoloxía, ten unha propiedade e uns intereses"
- HEMEROTECA | As redes sociais néganse a retirar o 70% dos contidos racistas reportados polo Ministerio de Inclusión
- HEMEROTECA | Facebook non quere que desconectes
- HEMEROTECA | Unha década de 'campaña sucia': dos carteis sen siglas contra o bipartito á desmobilización vía Facebook
Falece o político francés Jean Marie Le Pen, fundador do partido de ultradereita Frente Nacional, aos 96 anos de idade, segundo comunicou a súa familia a AFP. [📸 Le Pen en 2019 presentando as súas memorias CC-BY-SA Cheep/Wikipedia]
Dimite o presidente de Renfe. Raül Blanco comunica que deixará a entidade pública empresarial RENFE-Operadora por motivos persoais o vindeiro 14 de xaneiro, tal e como trasladou ao Ministerio de Transportes. Blanco non chegará aos dous anos no cargo.
Amplían a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña e para o mércores tamén na de Pontevedra. A Xunta recomenda manterse afastado de diques, rompentes e paseos marítimos. Segundo a predicción da Axencia Estatal de Meteoroloxía, o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde este mércores ao mediodía no noroeste da Coruña pasando a nivel laranxa toda a costa coruñesa e tamén á de Pontevedra o mércores, 8 de xaneiro, por mar combinada de oeste a suroeste con ondas de ata seis metros e vento do suroeste de forza 8 [como se observa no mapa do 112 Galicia]. Este martes permanece activa unha alerta por fenómenos costeiros adversos de nivel amarelo en todo o litoral galego ata media tarde.
Ofrenda floral para conmemorar o 89 aniversario do pasamento de Ramón María del Valle-Inclán e os 13 anos do falecemento de Isaac Díaz Pardo. Os restos de ambos creadores galegos repousan no cemiterio de Boisaca, onde este domingo o conselleiro de cultura e a alcaldesa de Santiago de Compostela acudiron para renderlles homenaxe, acompañados doutras autoridades, familiares e representantes do sector cultural. [📸 Ana Varela / Xunta]
Toda a costa galega está en alerta laranxa por temporal no mar. A Xunta amplía á Mariña o nivel laranxa de aviso que xa fica activo desde este sábado no litoral da Coruña e nas Rías Baixas [como se observa no mapa CC-BY-SA 112Galicia]. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a madrugada do domingo na Mariña por mar combinada e ondas de ata seis metros con vento do suroeste de forza sete. Camariñas, Vimianzo, Zas, Muxía, Dumbría, Mazaricos, Cee, Fisterra, Corcubión e Carnota tamén teñen o nivel laranxa de alerta activado polas fortes choivas. A costa da Coruña e Pontevedra seguirá en aviso laranxa ata o luns.
O BNG e a Fundación Galiza Sempre desenvolverán ao longo deste Ano Castelao unha campaña para reivindicar a figura do ilustre rianxeiro, "non só como artista, escritor ou pensador, senón, sobre todo, como político e referente do nacionalismo galego". Celebrarán a Castelao "na súa totalidade, sen reducionismos e sen intentos de desvirtuar ou manipular o seu pensamento" porque, sinala a responsable de Organización do BNG, Lucía López, o autor de Sempre en Galiza "foi sempre claro e contundente: Galiza é unha nación e ten dereito a decidir libremente o seu destino". A primeira cita da campaña que presentaron este sábado [📸 CC-BY-SA BNG] será a Homenaxe Nacional a Castelao que o BNG desenvolverá en Rianxo o 25 de xaneiro.
Os socialistas inician a elaboración do documento marco para o XV Congreso do PSdeG, que se celebrará entre o 8 e o 9 de marzo, que aspira a recibir as "aportacións" dun amplo abano de persoas expertas e referentes sectoriais "de dentro e de fora do PSdeG" para "traballar por unha Galicia que supere o conformismo e o desleixo na xestión das políticas públicas gris e carente de ideas" dun PP que cualifican como "falto de ambición" e dun presidente da Xunta que, din, afronta o cargo "cos brazos caídos". [📸 CC-BY-SA PSdeG]
Alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra desde a tarde deste sábado e ata o vindeiro luns. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso contará con vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinada do suroeste con ondas de ata cinco metros. A Xunta suspende todas as actividades deportivas no mar nos concellos afectados e lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa. Aemet tamén informa de precipitacións acumuladas de 80mm en 12 horas no oeste da provincia da Coruña que comezarán na madrugada do domingo, polo que se activa o nivel laranxa de alerta por chuvia.
Durante esta fin de semana tamén estará activa unha alerta amarela por precipitacións de ata 40 milímetros en 12 horas no suroeste da Coruña e rachas de vento de ata 80 quilómetros por hora na Coruña, na Mariña lucense e no interior de Pontevedra. O domingo [como se observa no mapa de Meteogalicia] a alerta por chuvia acadará as zonas das Rías Baixas, do río Miño e do interior da provincia pontevedresa, mentres que o aviso amarelo por vento estenderase ao interior da Coruña e á montaña de Ourense.