PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en 5.188 en Galicia durante o mes de xuño (-3,55% e un -1,45% na media estatal) e quedan en 140.932, o que supón un descenso de 16.786 a respecto do mesmo mes de 2021 (diminución do 10,64% e na media estatal, do -20,30%). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 7.775 persoas (+0,75% e na media estatal, +0,57%), ata 1,048 millóns, isto é, un 2,62% máis que doce meses antes (na media, +4,35%).
Fálase
O delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, lamenta que a Xunta suprima a Tarxeta Básica de alimentos mentres o Estado aproba novas medidas para afrontar a inflación, como a axuda de 200 euros ou o bono alugueiro de 250 euros que, sinala, o Executivo galego presenta como "medida estrela" malia "estar financiada polos Orzamentos do Estado, co voto en contra do PP". Nunha entrevista con Radio Galicia da Cadena SER, Miñones confirmou ademais que Pedro Sánchez ten previsto recibir a Alfonso Rueda durante este mes de xullo.
Feijóo censura que "cada vez que temos un problema nun territorio" haxa quen diga que "o culpable é o de Madrid". "Son consciente de que é moito máis doado buscar un culpable que solucionar un problema", afirmou o ex-presidente da Xunta e agora líder do PP nun acto en Catalunya.
- Rueda retoma a estratexia de Feijóo de culpar a Sánchez e o bipartito de hai 13 anos na súa terceira sesión de control
- HEMEROTECA | Feijóo culpa a Sánchez no seu derradeiro Consello de ser o primeiro presidente que non logra novas competencias para Galicia
- HEMEROTECA | Feijóo di que cando culpa do que non funciona á cidadanía, Sánchez, a oposición ou Portugal "estamos defendendo Galicia"
Alumnado e ex-estudantes do IES de Becerreá reclaman nun vídeo frear os recortes de materias e recursos neste instituto e expoñen como mostra da súa importancia as carreiras profesionais que desenvolveron diversas persoas que estudaron no centro. A comunidade educativa deste instituto vénse mobilizando pola "derrogación da normativa pola cal se poden suprimir materias con menos de 5 alumnos aínda que no centro haxa profesorado especialista" e, en xeral, "a fin dos continuos recortes" aos centros do rural
Un neno resulta ferido en Viveiro tras ser atropelado por un tren. Segundo informa o 112, o suceso aconteceu no serán do pasado venres, cando persoal do Adif avisou a Emerxencias "de que unha persoa fora alcanzada por un tren" da antiga Feve "moi preto da praza Donapetry" da vila mariñá. O neno foi trasladado en UVI móbil a un campo de fútbol cercano, onde aterrara un helicóptero medicalizado que o trasladou ao hospital Materno Infantil da Coruña. Na imaxe, de arquivo, estación da antiga Feve en Viveiro.
O BNG esixe á Xunta a "restitución inmediata" da Tarxeta Básica para a compra de alimentos que vén de cancelar e que a manteña como "permanente" para persoas pendentes de acceder á Risga ou ao Ingreso Mínimo Vital. Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria da formación, ve "inadmisible" que o Goberno galego suprima a "única medida fronte á crise" e lembra que o Bloque vén reclamando un "plan de rescate" fronte á crise de prezos que inclúa medidas como a suba dos importes da Renda de Inclusión e novas axudas para o pagamento da vivenda.
A Casa Obreira da CUT en Santiago acolle este sábado a xornada Unha CRTVG ao servizo do pobo, centrada na "liberdade de expresión e igualdade" nos medios públicos de comunicación. Contará cos paneis compostos por xornalistas, expertos xurídicos e representantes políticos baixo os títulos "A garantía da liberdade de expresión é unha tarefa de todas", "Por uns medios públicos feministas", "Control parlamentario e deontolóxico da manipulación informativa" e "Fiscalización sindical e social dos medios públicos", este último coa participación de David Lombao, director de Praza.gal
Homenaxe a Samuel Luiz no primeiro aniversario do seu asasinato na Coruña. A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS) convoca unha vixilia este sábado (2 de xullo) ás 18.30h na Avenida de Bos Aires, ao carón da discoteca Playa Club. Co fin de honrar a súa memoria, así como a doutras vítimas da LGBTIfobia gardarase un minuto de silencio e haberá unha ofrenda floral onde tiveron lugar os feitos que o domingo farán un ano. Non se lerá ningún manifesto como mostra de respecto ao proceso xudicial en curso.
O novo disco das Tanxugueiras xa ten título e portada. Incluirá dez temas, entre eles éxitos como Midas, Figa, Averno ou Terra, os recentes sinxelos Seghadoras, Desidia e Pano Corado e outros dous instrumentais de apertura e peche. Diluvio sae á venda en tendas físicas e ás plataformas dixitais o día 29, pero xa se pode reservar no web das cantareiras.
- HEMEROTECA - ENTREVISTA | "Queremos demostrar que a nosa música tradicional pode ter a mesma proxección que calquera outra"
O voceiro do PP no Concello de Lugo renuncia a repetir como candidato nas municipais de 2023 por motivos "persoais". Ramón Carballo, que tamén é deputado, foi aspirante á alcaldía en 2019, cando se cumprían dúas décadas dende que os conservadores gobernaron Lugo por última vez. Neste período mudaron de cabeza de cartel en catro ocasións e dispóñense a designar o quinto aspirante. [Imaxe: © PP Lugo]