Luís Zahera gaña o Goya ao mellor actor de reparto por As Bestas. É o segundo Goya que obtén o actor compostelán, despois do que recibiu en 2019 por El Reino.

Luís Zahera gaña o Goya ao mellor actor de reparto por As Bestas. É o segundo Goya que obtén o actor compostelán, despois do que recibiu en 2019 por El Reino.
Un día antes da manifestación pola sanidade pública convocada para este domingo en Compostela, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou "o importante esforzo económico e organizativo do Goberno galego" e "o indispensable papel dos médicos" para "consolidar e seguir mellorando o magnífico nivel da sanidade pública galega en todos os eidos”
A celebración do Día dos Medios en Galego culminou este xoves co concerto de Ortiga e Grande Amore na compostelá Sala Capitol, organizado pola Asociación de Medios en Galego e con todos os convites esgotados. Vídeo elaborado pola AMEGA, da que Praza.gal é membro.
A xuíza envía a prisión provisional, comunicada e sen fianza á ex-parella de Beatriz Lijó como acusado de matala. Atribúelle un delito de asasinato ou homicidio no ámbito da violencia de xénero -a determinar durante a instrución, especifican fontes xudiciais-. Durante toda a tramitación da causa quédalle prohibido "comunicarse por calquera medio e aproximarse a menos de 500 metros" dos fillos de ambos, ante os que presuntamente cometeu o asasinato. Na imaxe, concentración en repulsa do asasinato de Beatriz e en condena da violencia machista, en Vigo este pasado mércores.
O presidente da patronal CEOE, Antonio Garamendi, deixa de ser autónomo e pasa a ter un contrato de alta dirección por uns 400.000 euros anuais, segundo unha información publicada este xoves por El País e confirmada pola propia entidade empresarial, que pide "respecto" ás súas decisións sobre a cuestión. Garamendi, que vén de ser reelixido, está no posto dende 2018 e durante todo o primeiro mandato exerceu como autónomo na CEOE. Na imaxe, Garamendi intervindo nunha asemblea da Asociación de Trabajadores Autónomos (ATA) [© CEOE]
O Constitucional avala a lei do aborto do Goberno de Zapatero e rexeita o recurso que interpuxo o PP hai doce anos. Informa infoLibre. O aval do tribunal de garantías chega na recta final da tramitación da nova lei de saúde sexual, que tamén atinxe ao dereito á interrupción voluntaria do embarazo e que vén de recibir luz verde do Senado.
O movemento feminista expresou este mércores nunha trintena de concentracións en vilas e cidades galegas a súa repulsa polo asasinato machista de Beatriz Lijó en Baiona a mans da súa ex-parella. Este mércores desenvolveuse en Baiona o funeral da muller asasinada. Na imaxe, concentración en Vigo.
A maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a muller de Vigo, encargado do asasinato machista cometido o domingo en Baiona, prorroga durante 72 horas máis a detención do presunto autor do crime, a ex-parella da vítima e pai dos seus dous fillos, agora orfos de nai. Esta decisión, segundo trasladan fontes xudiciais, tomouse tras valorar o informe forense sobre o detido, que conclúe que nestes momentos "non está en condicións de prestar declaración". Será trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo [na imaxe] para que sexa valorado, onde estará "custodiado de forma permanente pola Policía Nacional" ata que o centro sanitario emita un informe.
O cantante d'O caimán do río Tea, grupo bravú autor do emblemático Estou na lavadora do Xabarín Club da TVG, ficha como número dous do PP de Ponteareas para as eleccións municipais. O partido, que volve estar encabezado pola ata agora directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, anunciou este mércores a incorporación de Rafael Martínez. Na imaxe, Martínez con Nava Castro este mércores e por baixo, durante unha actuación na TVG en 1996.
O feminismo galego convoca mobilizacións este mércores pola tarde nunha vintena de cidades e vilas en denuncia do asasinato machista que tivo lugar este domingo en Baiona. O presunto asasino pasou esta mañá a disposición do xulgado de violencia sobre a muller de Vigo. A Marcha Mundial das Mulleres ofrece información actualizada sobre as convocatorias que se van engadindo.