Agora permisos a estranxeiros e aeródromos: os traspasos á Xunta volveron coa esquerda

Competencias traspasadas a Galicia por mandatos presidenciais no Estado, sobre unha imaxe do acto no que se oficializaron as dúas últimas, este xoves CC-BY-SA Fotos: Goberno de España / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Xunta e Goberno de España acordan o traspaso de dúas novas competencias a Galicia que suman un total de 99 con gobernos socialistas -só tres con Sánchez- fronte a 34 co PP e 24 con UCD

Este xoves o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, desprazouse a Santiago para pechar co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a transferencia a Galicia por parte do Estado de dúas novas competencias: a xestión dos permisos de traballo para persoas estranxeiras e a supervisión dos aeródromos e heliportos non comerciais, unhas corenta instalacións á marxe dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo. Xunto coa xestión do litoral obtida o pasado ano, serán tres as competencias transferidas durante os gobernos do popular Rueda en Galicia e do socialista Pedro Sánchez en Madrid logo de 17 anos de seca durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo.

Segundo os datos oficiais do Ministerio de Política Territorial, coas dúas novas competencias chegarán a 99 a transferencias realizadas polo Estado a Galicia durante gobernos do PSOE: 84 con Felipe González, 12 con José Luis Rodríguez Zapatero e 3 con Pedro Sánchez. Pola súa banda, durante os gobernos da UCD de Adolfo Suárez e Leopoldo Calvo-Sotelo as competencias transferidas foron 24, mentres que co popular José María Aznar foron 34. 

Unhas cifras que se poden explicar en boa medida polo maior número de transferencias dos primeiros anos da autonomía galega e pola segunda descentralización á que Aznar accedeu en 1996 a cambio dos apoios de CiU e PNV para gobernar, pero non só. Porque non houbo nin unha soa transferencia durante o goberno de Mariano Rajoy, unha seca que se estendeu 17 anos durante todos os mandatos de Alberto Núñez Feijóo e os primeiros anos de Alfonso Rueda. 

Os gobernos de Feijóo caracterizáronse por sentirse agraviados fronte a outras comunidades pero sen dar pasos claros para reclamar novas competencias cando o PSOE gobernou no Estado, ou simplemente por non pedilas obviando todo agravio cando foi Rajoy o presidente. Coa chegada de Rueda, a Xunta volveu pedir e negociar traspasos, e xa leva tres.

A primeira transferencia lograda por Rueda tras 17 anos, a xestión do litoral, chegou tras gañar un preito no Tribunal Constitucional, mentres que as dúas agora acadadas son froito da negociación co Goberno de España, mesmo con eloxios mutuos 

A seca competencial da pasada década foi parella coa inexistencia de reunións da Comisión Mixta de Transferencias, o órgano que se reúne este xoves en Santiago e que é o encargado de pechar os traspasos. Non se reuniu por non ter nada que tratar durante 13 anos, dende que a finais de 2009 o Goberno do PSOE de Zapatero concretou co daquela novo gabinete de Feijóo detalles pendentes de traspasos acordados con PSOE e BNG na Xunta ata que, en xuño de 2022 -xa con Rueda como presidente- volveu celebrar un encontro para acordar que a Galicia xestionase -ao xeito doutras autonomías- un imposto sobre xestión de refugallos.

A seguinte e última ata a deste xoves, en abril de 2025, foi para pechar o traspaso da competencia sobre o litoral, lograda despois de que a Xunta obtivese o visto e prace do Tribunal Constitucional contra o criterio do Goberno de España. Un dos poucos preitos constitucionais gañados pola Xunta fronte o Estado desde 2009 que acabou derivando nesa primeira transferencia tras 17 anos. Pola contra, as dúas competencias agora logradas son froito da negociación co Goberno de España, mesmo con eloxios mutuos de colaboración entre Rueda e o ministro Torres.

Pero malia conseguir tres novas competencias, hai outras que o Goberno de Alfonso Rueda non quere, algunha delas mesmo apoiada polo PPdeG no pasado. É o caso da creación dunha auténtica policía autonómica, máis alá dese nome que agora recibe a unidade adscrita á Xunta da Policía Nacional. 

Máis de dúas décadas despois de comezar a impulsala na fin do Goberno de Fraga -que, a través da Consellería na que Rueda era alto cargo, a cualificara como unha oportunidade "histórica"- e ás portas do vixésimo aniversario da lei que en 2007 lle deu soporte xurídico, os conservadores opuxéronse en varias ocasións no que vai de lexislatura a que o Parlamento retome a petición das competencias de tráfico e seguridade viaria e, polo tanto, a desenvolver un corpo policial propio. Entre as razóns esgrimidas, dende a inconveniencia de "botar a Garda Civil de Galicia" ata mencións á extinta banda terrorista ETA.

Fronte ás novas competencias obtidas, a Xunta de Rueda rexeita avanzar noutras que o PPdeG apoiou no pasado, como unha auténtica policía galega ou un ente ferroviario

No mesmo capítulo de renuncias están tamén outras coma o salvamento marítimo -que o pasado 2025 obtivo Euskadi e que o Estatuto galego de 1981 contempla- ou as relativas ao ferrocarril de proximidade. Neste sentido, máis dunha década despois de aparcar a promesa de crear o Ente Ferroviario Galego para "xestionar as cercanías" e impulsar liñas de metro lixeiro na Coruña e Vigo, o propio Goberno de Rueda vén negando ter competencia ferroviaria ningunha malia ao estipulado no propio Estatuto.

E mentres segue á espera de concretarse o traspaso a Galicia da AP-9, aprobado o pasado xuño no Congreso como lei orgánica pero cuxa concreción quedou condicionada a unha complexa negociación entre Xunta e Estado que non acaba de arrancar, ata o punto de que Rueda xa a cualificou como "estafa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.