28M | A esquerda seguirá imperando no groso da Galicia urbana malia ás vitorias do PP en Ferrol e de Jácome en Ourense

Eleccións municipais 28M en Praza.gal CC-BY-SA Praza.gal
  • Xosé Sánchez Bugallo dimite. O ata agora alcalde de Santiago non tomará posesión como edil tras perder catro edís para o PSdeG e quedar con 6 nunha corporación que a nacionalista Goretti Sanmartín se perfila como posible nova alcaldesa da capital galega. O ata agora rexedor afirma ser o "único" responsable do mal resultado socialista na cidade.

  • Varias vilas de importancia están chegando ao 100% do escrutinio. O PP logra a maioría en Baiona, o PSdeG gaña amplamente en Verín, Monforte, Barbadás, O Barco, As Pontes e Boiro, e o BNG poderá gobernar en Allariz ou Carballo e opta a facelo a través de pactos en Barreiros, Fene, Mugardos, Arzúa, A Guarda ou Viana do Bolo. Narón seguirá en poder de Terra Galega e en Celanova o goberno pode ser de novo para Celanova Decide. 

  • Pontevedra supera a barreira do 60% do escrutinio. O BNG revalidaría a alcaldía malia perder 2 edís e quedar con 9 a través dun pacto co PSdeG, que arestora conta con 5 (+1). O PP suma neste punto do reconto 2 concelleiros e tería 11, o grupo máis numeroso da nova corporación.

  • Na Coruña o reconto vén de superar o 70%. Inés Rey revalidaría a alcaldía para o PSdeG con 11 edís (+2) se pacta co BNG, que tería 4 (+2). O PP sería primeira forza da corporación con 12 edís (+3).

  • En Vigo o escrutinio está xa por riba do 80% e Abel Caballero logra outra volta unha ampla maioría absoluta. O PSdeG perdería apenas un edil e tería 19; o PP sumaría 1 e tería 5 e o BNG lograría 3, dous máis que hai catro anos.

  • Co reconto por riba do 80% en Ferrol, o PP logra a maioría absoluta con 13 edís. O PSdeG perde 1 e queda con 7, o BNG gaña 1 e tería 3 e Ferrol en Común, 2 (-1).

  • O escrutinio tamén está por riba do 60% en Santiago. O BNG podería encabezar un goberno de esquerda con 6 edís (+4), os mesmos que o PSdeG (-4) pero con máis votos. Compostela Aberta ten a esta hora 2 edís (-3) e o PP lograría 11 (+3)

  • O reconto supera o 60% en Lugo: PSdeG e BNG manterían o goberno con 8 e 5 edís, respectivamente, malia á suba do PP, que gañaría os dous edís que tiña Ciudadanos.

  • Co escrutinio por riba do 50%, a Democracia Ourensana de Jácome mantense como primeira forza da nova corporación de Ourense con 10 edís (+3), seguido do PP cos mesmos 7 de 2019, 6 do PSOE (-3) e 4 do BNG (+2).

  • Ás 21.30 xa son moitos os concellos galegos que completaron o seu escrutinio. O PP conservas as súas amplas maiorías absolutas en moitos deles, pero tamén comezan a chegar os primeiros gobernos municipais para o PSdeG (Dumbría, Mesía, Neda, Pol, Calvos de Randín, Coles, Manzaneda...) e para o BNG (Mazaricos, Moeche, A Pobra do Brollón ou Vilar de Santos)

  • Cerdido, Irixoa, Beariz, Os Blancos, A Bola, Castrelo do Val, A Peroxa, Quintela de Leirado, Sarreaus e Dozón, primeiros concellos galegos co escrutinio ao 100%. O PP acada maioría absoluta en todos eles, agás en Castrelo do Val, onde o fai o PSdeG

  • Todo apunta a que en varias das principais cidades galegas os pactos serán clave para elixir as alcaldías. Nesta guía repasamos como será o procedemento de elección: as formacións políticas precisan maioría absoluta ou, no seu defecto, ser primeira forza da corporación

    Esquema do sistema de elección das alcaldías CC-BY-SA Praza.gal | Townhall by Andrea Candarelli / Noun Project | People by Wilson Joseph / Noun Project | President by Luis Prado / Noun Project
  • Segundo a sondaxe de GAD3 para a CRTVG, o BNG podería facerse coa Alcaldía de Santiago, ao adiantar ao PSdeG e sumar con Compostela Aberta unha ampla maioría de esquerdas. O PP acadaría a maioría absoluta en Ferrol. En Lugo unha posible maioría absoluta do PP estaría no aire e os populares tamén serían a forza máis votada en Ourense, cun escenario aberto. O BNG mantería o goberno de Pontevedra, Caballero obtería un novo triunfo en Vigo e na Coruña gobernaría tamén o PSdeG

  • PSdeG e BNG poderían manter todos os seus gobernos urbanos agás Ferrol, que gañaría con maioría absoluta un PP que tamén tería ao seu alcance a alcaldía de Ourense, segundo a enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia

  • Narón, cun 40,76%, punto e medio menos que hai catro anos, é o concello con menos participación de Galicia ás 18 horas. En xeral, cae a participación en toda a comarca de Ferrolterra, onde este sábado o Racing de Ferrol lograba o ascenso a Segunda División.

    Vista da Ría de Ferrol dende o Monte de Ancos Dominio Público Praza Pública
  • Por concellos, o que rexistrou maior participación ás 18 horas foi o coruñés de Frades, cun 75,94%, mentres que no resto de provincias destacan o lucense de Portomarín (74,47%), o pontevedrés de Agolada (74,44%) e o ourensán de Beade (75,15%), no que o veterano alcalde Senén Pousa, declarado franquista, aspira á reelección como independente tras enfrontarse ao PP, que presenta outra candidatura. Alí a participación aumentou case dez puntos a respecto de hai catro anos.

    O alcalde franquista de Beade, Senén Pousa, que aspira á reelección como independente tras enfrontarse ao PP de Rueda e Baltar, que o acompañan na imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia
  • No segundo e derradeiro avance de participación do 28M, ata as 18 horas, esta situouse en Galicia no 52,8%, pouco máis de medio punto máis que hai catro anos, cando se celebraron ao tempo comicios ao Parlamento Europeo. Nas sete cidades galegas a participación sobe especialmente en Lugo (cinco puntos máis) seguida de Ourense e Pontevedra (tres puntos e medio máis en cada unha). Pola contra, cae especialmente en Ferrol (tres puntos e medio), Santiago (dous puntos e medio), Vigo e A Coruña (algo máis dun punto nas dúas cidades). No conxunto de España, con eleccións non só municipais senón tamén autonómicas na maioría dos lugares, a participación chega á mesma hora ao 51,5%, punto e medio máis que hai catro anos.

  • A diferenza do que acontece nalgúns parlamentos, nos concellos non abonda con que a candidatura á alcaldía obteña máis votos a prol que en contra. Se ningunha logra a maioría absoluta no pleno da corporación, que se constituirá o vindeiro 17 de xuño, o posto é para a persoa que encabezase a lista máis votada nas eleccións. Aquí explicamos o sistema de elección.

    Esquema do sistema de elección das alcaldías tras o 28M CC-BY-SA Praza.gal | Townhall by Andrea Candarelli / Noun Project | People by Wilson Joseph / Noun Project | President by Luis Prado / Noun Project
  • No primeiro avance de participación deste 28M, ata as 14 horas, a afluencia ás urnas en Galicia situouse no 35,5%, algo máis dun punto máis que en 2019, cando xunto cos comicios municipais se celebraron tamén eleccións ao Parlamento Europeo. Nas sete principais cidades o comportamento é dispar, con aumentos de participación especialmente en Lugo e Ourense e en menor medida na Coruña e Pontevedra, e caídas en Vigo, Santiago e Ferrol. No conxunto de España a participación tamén medra, ata o 36,7%, 1,6 puntos máis que hai catro anos.

  • Xa votaron tamén os líderes das principais formacións galegas, Alfonso Rueda (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG), os tres facendo chamamentos á participación.

    Pontón, Rueda e Formoso votando este 28 de maio CC-BY-SA Praza Pública
  • Este 28M son as primeiras eleccións nas que Alberto Núñez Feijóo non vota en Galicia tras dimitir hai un ano da presidencia da Xunta. Segue sendo senador por Galicia pero agora censado en Madrid, onde votou este domingo no Colexio Ramiro de Maeztu, na rúa Serrano desa cidade.

    Feijóo votando en Madrid este 28M © PP
  • Abel Caballero, Miguel Anxo Fernández Lores ou Gonzalo Pérez Jácome foron algúns dos alcaldes máis madrugadores para votar este domingo.

    Abel Caballero, Miguel Anxo Fernández Lores e Gonzalo Pérez Jácome votando este 28M CC-BY-SA Praza Pública
  • A maioría dos municipios que gañan votantes a respecto das anteriores eleccións están no eixo atlántico, encabezados por Oleiros e Ames. Aquí ampliamos a información.

  • Neste 28M o electorado mozo cae a outro mínimo, con algo menos de 367.000 persoas, e o maior de 65 anos xa supera as 700.000 persoas. Aquí ampliamos os datos.

  • Media hora despois da apertura oficial dos colexios xa estaban constituídas todas as mesas electorais en Galicia, 3.960. A última, ás 9.36 horas, foi unha no Colexio Emilia Pardo Bazán, na Coruña. Tamén houbo demoras en dúas mesas do Palacio da Ópera da mesma cidade e no CEIP Pombal-Lavadores de Vigo. En Ourense completouse unha mesa co primeiro votante da xornada. En todos estes casos a votación estenderase pola tarde tanto tempo como a demora acumulada na apertura.

    Entrada a un colexio electoral CC-BY-SA Merixo
  • En 33 concellos só se presentan dúas candidaturas, mentres que no outro extremo a maior diversidade de ofertas electorais está na Coruña, con 12 candidaturas, seguida de Cambre e Ourense con 10. Aquí ampliamos a información sobre a oferta electoral neste 28M.

  • Ás 9 da mañá estaban constituídas o 98,6% das mesas electorais de Galicia, 3.905 de 3.960. Quen non se presentase tras recibir unha citación para formar parte dunha mesa electoral enfróntase a un posible delito electoral.  

    Dominio Público Praza Pública
  • Os colexios electorais veñen de abrir ás 9 da mañá e así permanecerán ata as 20 horas. Case 1.200 candidaturas compiten para sumar os arredor de 3.700 edís que comporán as 313 novas corporacións municipais galegas que elixirán cadansúas alcaldías e, por extensión, tamén os gobernos das catro deputacións. Todo, nunha xornada que abre un longo ciclo electoral en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.