Entre a mágoa e a ilusión: o cine Fraga agarda unha nova vida tras 25 anos perdidos
A cidadanía viguesa xa sabe, efectivamente, en que estado se atopa o que fora o cine máis grande de Galicia, inaugurado con toda pompa en 1948 e pechado sen facer moito ruído en 2001. Desde entón, houbo un intento de reforma cando estaba en mans de Caixa Galicia, millóns de euros investidos (catorce, segundo algunhas fontes), crise bancaria e fin do asunto. O edificio non era rendible para Abanca. Agora 25 anos despois do peche, o que fora o maior orgullo do empresario Isaac Fraga amosa os restos dunha reforma a medio facer e moitas expectativas no futuro.