Marcos Pérez Pena

Unha ducia de momentos históricos do cine galego ata a Cuncha de Ouro para 'O Corno'

Foi histórico. O Corno, de Jaione Camborda, gañou a Cuncha de Ouro no Festival de Donostia, o maior premio obtido na historia por un filme galego. Na última década o cinema do país vén rompendo os seus límites. Ao comezo era noticia que un filme participase na sección oficial dun gran festival, agora o relevante é que leve o primeiro premio; ao principio destacábase como un fito que unha película en galego se estrease nas salas comerciais, agora falamos de milleiros de espectadores e de semanas na carteleira. O Corno é o último éxito do cine galego, un éxito que se sente "colectivo" e que non será o derradeiro.

  1. 01

    A chegada do cine a Galicia

    O cine chegou a Galicia moi pouco despois de que se puidese ver por primeira vez nas grandes capitais do mundo. A primeira exhibición de imaxes en movemento (a través do kinetógrafo de Edison) tivo lugar no Teatro-Circo Coruñés en 1896 e un ano despois o cinematógrafo dos irmáns Lumière instalouse en Pontevedra para facer despois unha xira por Vigo, Tui, A Coruña, Ferrol e Lugo.

    O primeiro operador de cine en Galicia foi José Sellier, un fotógrafo coruñés de orixe francesa, que lles mercou aos irmáns Lumière un cinematógrafo co que exhibía filmes no seu estudio da cidade herculina. Ademais, gravou as primeiras películas, como El entierro del Ceneral Sánchez Bregua, datada o 20 de xuño de 1897, a primeira filmación galega.

  2. 02

    Miss Ledyia

    Houbo que agardar ata 1916 para atopar o primeiro filme de ficción galego que se conserva, Miss Ledyia, dirixido por José Gil y Gil con guión de Rafael López de Haro e no que participou Castelao como extra

  3. 03

    Carlos Velo

    Entre os profesionais galegos que deixaron pegada nas décadas seguintes hai que destacar a Carlos Velo, o entomólogo de Cartelle que entrou en contacto co mundo do cine ao proporcionarlle a Luis Buñuel as formigas que necesitaba para Un can andaluz. 

    Na década dos 30 Velo realizou un gran número de valiosos documentais (Almadrabas, Saudade, Galicia...), un traballo que continuou no exilio en México, con longametraxes como Torero ou Pedro Páramo. A partir de 1976 comezou a recibir en Galicia o merecido recoñecemento

  4. 04

    Os pioneiros: Lupa, Imaxe, as Xornadas de Cine de Ourense...

    Os integrantes do Equipo Lupa, formado ao redor da compostelá Asociación Cultural O Galo, ou do Equipo Imaxe, rexistraron marcaron as bases do cinema galego contemporáneo. 

    Ademais, eventos coma as Xornadas de Cine de Ourense, das que hai uns meses se celebrou o 50 aniversario, serviron como punto de encontro e escaparate destes primeiros pasos adiante, nos que xa se comezaba a advertir a tensión entre a aposta “militante” e a “comercial” que atravesa a historia do cinema galego

    Con todo, moitos destes intentos quedaron a medias, ante a falta de apoio institucional ou a ausencia de estruturas empresariais de produción e distribución.

  5. 05

    Primeiros apoios institucionais

    Dificilmente se pode dicir que os éxitos e crecemento do cine galego ao longo da historia recente se deberon a un apoio institucional que xeralmente foi cativo e, sobre todo, intermitente. Porén, nos anos 80 déronse importantes pasos adiante dende a TVG e a Dirección Xeral de Cultura (con Luís Álvarez Pousa á fronte), con subvencións a curtametraxes como Mamasunción (estreada en 1984), un impulso que cinco anos despois daría paso aos filmes de Cinegalicia

    En 1991, ademais, creáronse na Coruña o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, a Filmoteca galega) e a Escola de Imaxe e Son, que tivo a Manolo González como primeiro director.

    Nas décadas seguintes, o apoio institucional oscilou, pero cómpre salientar a importancia que para o bo momento actual do cine galego tiveron as axudas ao talento sen as que probablemente non se pode explicar o fenómeno do novo cinema galego. Como lembraba Beli Martínez nesta entrevista, "na historia do cinema todos os movementos viñeron acompañados dunha determinada política audiovisual"

  6. 06

    Cinegalicia

    En novembro de 1989 a cultura galega viviu un fito histórico: o cine Fraga de Vigo estreou de xeito simultáneo, no marco do encontro Cinegalicia, as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega no formato comercial de 35mm: Continental (Xavier Villaverde), Urxa (Carlos López Piñeiro e Alfredo García Pinal) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro). As estreas, cun firme apoio do Goberno galego, estiveron acompañadas de encontros, mesas redondas, proxeccións, unha publicación e unha exposición.

    Foi un momento histórico, parecía o comezo de algo. A exposicion Cinegalicia 25 lembrou na Cidade da Cultura este acontecemento 25 anos despois

  7. 07

    Galicia, potencia en animación

    Despois de Cinegalicia, o cine galego non despegou, pero unha década despois si o fixo o sector da animación, sobre todo da man de Dygra Films e con O bosque animado como estandarte. O filme dirixido por Ángel de la Cruz e Manolo Gómez, foi a primeira película de animación 3D realizada en Europa. Resultado dun traballo de 4 anos no que participaron máis de 400 profesionais, gañou os premios ao mellor filme de animación e á mellor canción nos Premios Goya 2002, e un gran número de galardóns noutros certames.

    Nos anos seguintes a animación galega seguiu gañando premios no ámbito estatal, con O soño dunha noite de San Xoán, Pérez, o ratiño dos teus soños, Engurras e, máis recentemente, Psiconautas, Valentina e Unicorn Wars.

    Cómpre destacar igualmente o fito que marcouO Apóstolo, o primeiro filme de animación stop-motion  en tres dimensións realizado en Europa. A produción levou catro anos de traballo dirixido por Fernando Cortizo, e estreouse en 80 salas de cinema de toda España. Obtivo seis premios Mestre Mateo e foi nominado aos Goya

  8. 08

    Mar Adentro, Los Lunes al Sol, As bestas... Filmes galegos?

    Co comezo do século XXI, Galicia foi protagonista dalgúns dos filmes de máis éxito no Estado. Mar Adentro, Los Lunes al Sol e, máis recentemente, As Bestas foron grandes triunfadoras nos Premios Goya con historias filmadas en Galicia, cun gran número de actores e actrices galegas e unha boa parte do seu equipo técnico tamén galego. Era isto cine galego? Pois depende. En calquera caso, amosaron ao mundo o bo facer dos e das profesionais do sector no país.

  9. 09

    A explosión do Novo cinema galego

    "Digámolo xa ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego. Non é unha arroutada chovinista: nos próximos meses presentarán as súas novas obras boa parte dos mellores directores do país, os máis deles moi novos, un feito que nos autoriza a falar en termos xeracionais". Así naceu o Novo Cinema Galego, un movemento ao que deron carta de natureza por José Manuel Sande, Martin Pawley e Xurxo González e que partía deste artigo publicado no Xornal de Galicia

    Nos anos seguintes filmes como Vikingland, Arraianos, Todos vós sodes capitáns (ou Mimosas), Costa da Morte (e posteriormente Lúa Vermella), Ser e voltar ou Rapa das Bestas foron rachando o teito de cristal do cine galego, acumulando premios e presenza en festivais internacionais de primeiro nivel e gañando o aplauso da crítica.

  10. 10

    Éxitos de taquilla

    Na última década o cine galego foi aclamado pola crítica, pero faltaba o salto ás salas, un reto que moitas veces chocaba cun sistema de distribución complexo e que dificultaba o acceso. En 2014 A Esmorga foi quen de vencer esas dificultades, sumando milleiros de espectadores e un gran número de semanas en exhibición malia saír cun número pequeno de copias.

    Nos anos seguintes Os Fenómenos, Ons, Dhogs ou Longa Noite tamén entraron con forza nas salas. E os récords foron superándose, primeiro con O que Arde e posteriormente con Cuñados, outro fenómeno do cine galego. Como dicía Brais Romero nesta entrevista, "hai quen pensa que 'O que Arde' non pode compartir espazo con 'Os Vengadores' nuns multicines. E por que non?"

  11. 11

    O que Arde

    Xan Gómez Viñas escribiu en Marcas na paisaxe que o audiovisual galego se movía nunha "tensión permanente" entre o comercial e o militante, entre o cine capaz de competir comercialmente con outros produtos no mercado e o socialmente comprometido e con absoluta liberdade creativa.

    Semella que nos últimos anos varios filmes comezaron a rachar esa fronteira. O que Arde non só gañou o aplauso da crítica máis cinéfila, senón que triunfou en festivais (gañou en Cannes na sección Un certain regard) e nos Premios Goya e se converteu na película falada en galego máis vista nas salas comerciais en toda a historia, superando amplamente a anterior marca de Sempre Xonxa.

  12. 12

    O Corno

    Na última década o cine galego foi rachando os seus límites, foi superando horizontes. Ao comezo era noticia que un filme participase na sección oficial dun gran festival, agora o relevante é que leve o primeiro premio. Ao principio destacábase como un fito que unha película en galego se estrease nas salas comerciais, agora falamos de milleiros de espectadores e de semanas na carteleira.

    Hai uns días O corno de Jaione Camborda recibiu a Cuncha de Ouro do Festival de Donostia e a partir do 11 de outubro se poderá ver nos cines (despois da súa estrea en Galicia no marco do festival Curtocircuito).

    É o último éxito do cine galego, non será o derradeiro.