Comeza na Coruña o cumio hispano-alemán que reúne o presidente Pedro Sánchez e o chanceler Olaf Scholz, ademais de quince ministros dos gobernos español e xermano. Foto: Embaixada de Alemaña en España.

Comeza na Coruña o cumio hispano-alemán que reúne o presidente Pedro Sánchez e o chanceler Olaf Scholz, ademais de quince ministros dos gobernos español e xermano. Foto: Embaixada de Alemaña en España.
O Goberno de España recorrerá ante o Tribunal de Xustiza da UE o veto á pesca de fondo. Así o vén de anunciar o ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, durante a sesión de control no Congreso. "Asumimos a representación do conxunto do sector e defende os seus intereses", di Planas, que considera que "a información científica" sobre a que se basea o regulamento "é insuficiente e anticuada" e porque "non se tiveron en conta os efectos económicos e sociais".
Principia o xuízo polo accidente de Angrois na Cidade da Cultura, en Santiago. Nesta primeira xornada abordaranse diversas cuestións previas do procedemento.
Marica Campo (Letras), María Victoria Carballo-Calero (Artes visuais), Melania Cruz (Artes escénicas), os cursos internacionais Música en Compostela (Música), Xosé Ramón Gayoso (Audiovisual), Manuel González (Lingua), Xacarandaina (Patrimonio Cultural) e o programa ConCiencia (Proxección exterior), distinguidos cos Premios da Cultura Galega 2022. Os galardóns están promovidos pola Xunta e no xurado están presentes representantes do Goberno galego e diversas entidades culturais.
O PP evita que o Parlamento tome en consideración a proposición de lei do xogo formulada polo PSdeG, que incluía medidas como prohibir que as casas de apostas estean a menos de 850 metros dos centros educativos. O PP di que a proposta é "incongruente" e instan os socialistas a "realizar achegas" á proposta de lei do xogo da Xunta, aprobada polo Consello a pasada semana con catro anos de demora e que se dispón a iniciar trámite parlamentario para substituír á de 1985. Na imaxe, Valentín González Formoso xunto ao deputado socialista Julio Torrado, que defendeu a iniciativa, acompañados por representantes de asociacións contra a ludomanía e o profesor da USC Antonio Rial, experto en condutas aditivas co xogo.
O Parlamento Europeo aproba definitivamente a lexislación que obriga a implantar un único cargador para todos os dispositivos electrónicos. Antes da fin de 2024, todos os móbiles, tabletas e cámaras á venda terán que contar cun porto de carga USB-C e dende mediados de 2026, a obriga estenderase aos ordenadores portátiles. A reforma saíu adiante por 602 votos a prol, 13 en contra e 8 abstencións e chega, destaca a Eurocámara, despois de que "as medidas voluntarias" reclamadas pola Comisión Europea á industria "non achegasen resultados concretos para os consumidores da UE". [Imaxe: Marcus Urbenz/ Unsplash]
Todo listo na Cidade da Cultura para que este mércores comece o xuízo polo accidente de Angrois, co maquinista e un ex-cargo de Adif acusados pero coa alta velocidade española no punto de mira.
PP, BNG e PSdeG escriben conxuntamente ao comisario europeo de Pesca, Virginijus Sinkevičius, para instalo a "rectificar e anular o Regulamento" que pecha 87 zonas do Atlántico á pesca de fondo. Fano nunha carta asinada por Pedro Puy (PP), Ana Pontón (BNG) e Luis Álvarez (PSdeG) no que transmiten á UE o acordo unánime neste sentido acadado no Parlamento o pasado setembro.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en 2.197 persoas en Galicia durante o mes de setembro (+1,55% e na media estatal, +0,60%) e quedan en 144.109, o que supón 8.945 menos que un ano antes (-5,84% e no total do Estado, -9,70%). Mentres, a afiliación media á Seguridade Social diminuíu en 5.985 persoas (-0,57%, mentres aumenta nun 0,15% na media estatal), ata os 1,049 millóns, isto é, 15.117 persoas máis que no mesmo mes de 2021 (+1,46% e na media estatal, +3,32%).
PSOE e Unidas Podemos pechan o pacto para os Orzamentos Xerais do Estado de 2023, que aproban este martes en Consello de Ministros. O acordo inclúe outras medidas alén dos orzamentos, como novos permisos para o coidado de fillas e fillos. Na imaxe [CC-BY-NC-ND Eva Ercolanese / PSOE], Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, o pasado setembro no Senado. O detalle do investimento territorializado previsto para Galicia coñecerase cando as contas entren no Congreso para iniciar trámite parlamentario.