Segundo ataque fascista á Cruz Vermella en Ferrol en dúas semanas. Unha furgoneta da entidade sofre a rotura dun vidro e aparece pintada cunha esvástica tras as pintadas sufridas o pasado 22 de setembro na súa sede, que tamén fora atacada en abril.
Segundo ataque fascista á Cruz Vermella en Ferrol en dúas semanas. Unha furgoneta da entidade sofre a rotura dun vidro e aparece pintada cunha esvástica tras as pintadas sufridas o pasado 22 de setembro na súa sede, que tamén fora atacada en abril.
PP, PSdeG e BNG abandonan o pleno do Concello de Ourense despois de que Jácome "insultase reiteradamente os integrantes dos grupos da oposición" descualificando como "etarras" aos membros do Bloque. Nun comunicado conxunto, populares, socialistas e nacionalistas censuran "faltas de respecto, insultos, interrupcións e ameazas" do alcalde: "Non pode seguir tolerándose". Jácome esgrime que "levan toda a vida chamándome a min fascista".
Jácome logra aprobar o Orzamento de Ourense para 2026 co seu voto de calidade. A marcha do grupo do PSdeG (5 edís), que renunciou a participar na votación, engadida á ausencia dun edil do PP e á inesperada presenza dun concelleiro de Democracia Ourensana, enfermo dende hai meses, deu lugar a un empate a 10 votos (os de DO fronte aos 6 do PP e os 4 do BNG) que pemitiu ao alcalde desempatar e afrontar o ano electoral coas contas deste exercicio aprobadas. O rexedor constata que "a ausencia no pleno dun concelleiro do PP cambiou a aritmética" e celebra a aprobación como "moi boa" para a cidade. Na fotografía, Pérez Jácome nunha comparecencia pública.
O PNV votará a prol do Real Decreto-Lei que contén o groso das medidas de vivenda aprobadas polo Goberno de España e confirma o seu "non" ao que contempla os alugueiros indefinidos. Isto implica que o segundo decreto será derrogado e que a vixencia do primeiro segue nas mans de Junts per Catalunya, que decide nunha xuntanza interna este serán o sentido do seu voto. Na imaxe, Maribel Vaquero, voceira do PNV no Congreso.
Chega ao BOE o segundo dos Reais Decretos-Lei sobre vivenda, que regula prórrogas automáticas e renovacións de contratos de alugueiro para "reforzar a súa estabilidade". Entre os seus preceptos, unha indemnización equivalente a doce meses de renda para as persoas inquilinas ás que a propiedade non lles renove o contrato sen causa xustificada.
O Boletín Oficial do Estado publica o Real Decreto-Lei co groso das medidas en materias de vivenda aprobadas este martes polo Consello de Ministros. Polo momento non foi publicado o segundo, o relativo a renovacións automáticas de contratos de alugueiro e medidas a prol da duración indefinida destes.
Feijóo promete que "as mutuas poidan dar altas" a persoal de baixa médica con "determinadas patoloxías" se logra chegar ao Goberno de España. O ex-presidente e actual líder estatal do PP asegurouno nun acto con empresarios en Catalunya -na imaxe-, onde incidiu na ofensiva política a respecto do persoal de baixa laboral que os populares xa están a aplicar dende a Xunta. [© PP]
O Goberno de España aproba dous decretos de vivenda con medidas como suspensión de desafiuzamentos para poboación vulnerable, freos á compra de pisos por fondos voitre ou prórrogas na vixencia de arrendamentos, segundo transcendeu. Tras a reunión do Consello de Ministros o Executivo detallará as medidas, que pide votar no Congreso este mesmo venres: se logran a maioría precisa seguirán en vigor e se non, quedarán derrogados. Máis información, hoxe en Praza.gal. Na imaxe, Pedro Sánchez visitando unha promoción de vivendas de alugueiro accesible este pasado luns en Barcelona [© Pool Moncloa / Sandra Armada]
A Mesa do Congreso abre expediente sancionador á deputada ourensá do PP Ana Vázquez por portar un spray de gas pementa no pleno da pasada semana. Este tipo de expedientes por incumplir o Regulamento, neste caso por introducir no recinto parlamentario un obxecto que segundo esta mesma norma é unha arma, poden implicar unha suspensión temporal da condición de deputada. A manipulación do bote nun dos baños da sede do Congreso implicou que varias persoas tivesen que ser atendidas por efectos do gas, entre outras alteracións.
Varias cidades galegas acolleron no serán deste luns concentracións polo dereito á vivenda. Á de Santiago, na Alameda, asistiu a líder da oposición en Galicia, Ana Pontón, e outros cargos do BNG. A nacionalista pide ao Goberno de España "pensar na maioría e non na minoría de grandes propietarios" porque "hai moita xente mirando para este decreto" que o Executivo quere aprobar este martes para facer fronte á crise da vivenda. Na concentración puideron escoitarse berros como "nin casas sen xente, nin xente sen casas" ou "o rendismo é o terrorismo".