Morre aos 89 anos o escritor Mario Vargas Llosa, premio Nobel de Literatura en 2010. Vargas Llosa morreu no Perú, o seu país de orixe onde chegou a ser candidato á presidencia, tras varias décadas residindo en Europa. [Imaxe: CC BY Daniele Devoti]

Morre aos 89 anos o escritor Mario Vargas Llosa, premio Nobel de Literatura en 2010. Vargas Llosa morreu no Perú, o seu país de orixe onde chegou a ser candidato á presidencia, tras varias décadas residindo en Europa. [Imaxe: CC BY Daniele Devoti]
Este sábado constituíuse a Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres a través dun acordo asinado por Parlamento, Xunta, Concello de Santiago e Arcebispado. A entidade, que contará cunha comisión asesora na que tamén participan as tres universidades públicas, o Consello da Cultura ou a RAG, recupera a xestión civil do simbólico espazo, onde repousan os restos de Castelao, Rosalía, Brañas, Asorey, Cabanillas e Fontán. No acto, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, agradeceu tamén ás fundacións Rosalía, Brañas, Asorey, Fontán e Castelao "o traballo que desenvolveron a prol da dignificación deste espazo".
Alberto Pombo e Manuel Rivas gañan o Premio Losada Diéguez. Pombo, profesor de literatura e promotor da iniciativa cultural Aquí tamén se fala, gañou a modalidade de Investigación e Ensaio pola súa obra Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000), publicada por Xerais. Rivas obtivo o premio na modalidade de creación literaria pola súa última novela, Tras do Ceo, tamén publicada por Xerais.
Por iniciativa da Plataforma veciñal de Mina Touro-O Pino NON e coa autorización do Concello de Santiago, este venres instalouse na entrada da Alameda unha faixa de protesta contra a reapertura da mina de cobre.
Tormentas e fortes chuvias causan problemas en varias comarcas do interior de Lugo. Terra Chá, A Ulloa ou a capital provincial sofren os efectos de intensas treboadas e sarabia, que afectaron tamén ao Deza. Na cidade, as chuvias inundaron rúas e garaxes.
Xunta e Goberno central iniciarán negociacións ante as discrepancias do Estado sobre a nova normativa eólica e a de vivenda. As administracións debaterán dous artigos da última lei de Orzamentos e sete da lei de acompañamento, segundo publica o DOG e detalla Europa Press.
A Deputación de Pontevedra tamén reclamará a Audasa os atrasos polos catro meses de IBI "non abonados" en 2023 tras a fin do privilexio outorgado polo franquismo á concesionaria da AP-9, que gozaba dun 95% de desconto o imposto. O presidente da institución provincial, Luis López, estimou que a compañía debe ingresar uns 700.000 euros correspondentes aos doce concellos -na imaxe, este xoves nunha xuntanza cos seus alcaldes e alcaldesas- da provincia polos que pasa a autoestrada e teñen a recadación delegada na Deputación.
Principia a folga nas residencias privadas da terceira idade. A mobilización, convocada pola CIG, tamén atinxe aos centros de día, esténdese ao día 22 deste mes e continuará os días 7 e 21 de maio. As traballadoras reclaman "un convenio digno" que, subliñan, cando menos garanta que todo o persoal chega a cobrar o equivalente ao salario mínimo interprofesional. A protesta pretende tamén facer ver as condicións laborais dun sector "feminizado e esquecido" no que as empresas, acusan, "afondan na explotación laboral, mentres empeora a calidade asistencial ás persoas usuarias". Na imaxe, traballadoras mobilizadas este xoves en Ferrol. [Imaxe: CIG]
Sirat, de Oliver Laxe, competirá na sección oficial do Festival de Cannes En 2019 o realizador galego logrou o premio do público na sección Un certain regard do prestixioso festival francés con O que arde, o primeiro filme proxectado en galego na historia do festival. Tamé optará á Palma de Ouro o filme Romería, da catalá Carla Simón, rodada en Vigo e a súa contorna.
Donald Trump anuncia a través dunha mensaxe nas redes sociais unha pausa de 90 días na maioría dos aranceis elevados nos últimos días. Tan só China ficaría fóra desta medida, cuns aranceis, ademais, aumentados ata o 125%.