O PP redeseña a súa imaxe corporativa por décima vez dende a súa fundación. A formación agora liderada por Alberto Núñez Feijóo retoca o logotipo e imaxe de marca estreada na etapa de Pablo Casado, cando mudara elementos como a tipografía e incorporara as cores da bandeira de España nalgunha das súas aplicacións, e fai predominar as cores branca e azul. Prescinde, ademais, do uso corporativo da denominación populares, cuxo uso estenderan dende 2015. En Galicia, o partido aplicou tamén diversas mudanzas nos últimos anos non sempre concordando coa liña da dirección estatal para, por exemplo, facer destacar por riba das siglas palabras como Feijóo ou Galicia cunha tipografía semellante á marca turística da Xunta.
Fálase
O grupo de extrema dereita desarticulado en Alemaña, os Reichsbürger, pretendía asaltar o Parlamento (na imaxe) como parte dunha operación para dar un golpe de Estado. Deutsche Welle traza nesta información un perfil da organización, das súas pretensións e das operacións nese país para tentar frear o terrorismo ultradereitista. Nesta ligazón é posible ler unha tradución automática ao galego da información divulgada pola Fiscalía alemá sobre os detidos e os seus plans golpistas. Deles destacan, entre outros aspectos, que "seguen un conglomerado de teorías da conspiración das "denominadas ideoloxías Reichsbürger e QAnon" e "están firmemente convencidos de que Alemaña está gobernada actualmente por membros do chamado "Estado profundo".
Pedro Castillo, destituído como presidente do Perú e detido tras anunciar a disolución do Congreso e a formación dun Goberno de excepción. Dina Boluarte (na imaxe), ata agora vicepresidenta, substitúe xa a Castillo na xefatura do Estado.
A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña María Dolores Sánchez Palomino ingresará o sábado 17 de decembro na Real Academia Galega como membro de número. Recoñecida internacionalmente como lexicógrafa, dirixe a revisión do 'Dicionario bilingüe castelán-galego' da Academia –que estará dispoñible proximamente en liña– e mais a Rede de Lexicografía RELEX, na que participan máis dun cento de investigadores de distintos países. Sánchez Palomino é académica correspondente dende 2004 e participa de maneira continuada na revisión e actualización do dicionario da RAG.
A Audiencia Provincial da Coruña desestima os recursos de apelación da Fundación Francisco Franco e a familia do ditador contra a decisión do Xulgado de Betanzos de arquivar a causa aberta contra as persoas que ocuparon simbolicamente o Pazo de Meirás no ano 2017, os autodenominados '19 de Meirás', maioritariamente militantes do BNG. A Audiencia destaca que non pode haber 'delito de odio' polo feito de "empolicarse a unha das soberbias torres do Pazo de Meirás e exhibir unha pancarta reivindicativa da titularidade pública dese Ben de Interese Cultural nun converxente contexto social de reclamación por parte da cidadanía". Tamén descarta o delito de violación de morada, xa que o inmoble estaba en horas de apertura a visitas guiadas
A actual vicepresidenta e ex-presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner é condenada a seis anos de cadea por administración fraudulenta en obras públicas. A política peronista tamén é inhabilitada a perpetuidade para cargo público pero poderá recorrer. O fallo absólvea do cargo de asociación ilícita polo que tamén era acusada. [Imaxe: Casa Rosada]
O Goberno de Isabel Díaz Ayuso critica que coa elección de “La Coruña” como sede da Axencia de Intelixencia Artificial Pedro Sánchez “volveu traizoar a Madrid”. O vicepresidente e portavoz da Comunidad de Madrid, Enrique Ossorio, considera que coa designación da Coruña e Sevilla para as dúas novas axencias inténtase “cortar o crecemento” da capital do Estado.
#AESIA A Axencia Española de Intelixencia Artificial estará na Coruña. Así o vén de aprobar o Consello de Ministros
O DOG publica o decreto polo que a Xunta pagará 206 euros como complemento anual das pensións non contributivas, mesma contía desde 2011 que non subirá ata o próximo ano aos 220,50 euros.
Veciñanza lucense de orixe colombiana concéntrase en repulsa polo asasinato de Cristina Cabo. Á concentración sumáronse membros da corporación municipal encabezados pola alcaldesa, Lara Méndez, que insta a "non estigmatizar" unha comunidade "integrada na sociedade lucense e que forma parte de maneira activa e positiva na vida da cidade" polo feito de que o asasino confeso, chegado a Lugo pouco antes do crime, fose desta nacionalidade.