O festival Surfing The Lérez de Pontevedra anuncia que a edición 2026, que se celebra os días 12 e 13 de xuño na Illa do Covo, será a derradeira, despois de case 15 anos de traxectoria. Os seus responsables subliñan a dificultade de manter un festival de entrada gratuíta ante o incremento dos custos nos últimos anos para este tipo de eventos e a falta de apoio institucional, sinalando neste caso o Xacobeo. O derradeiro Surfing The Lérez será unha vez máis unha "romaría" que apostará pola música galega con bandas como The Rapants, Grande Amore, Familia Caamagno, 9Louro, Portosanto ou Galician Army, ademais de Camellos, Colectivo da Silva, Cora Yako, Limboos, Mad Foxes ou Freedonia.