O ministro de Transportes, Óscar Puente, di no Senado que o 80% dos trens Avril rexistraron atrasos no que vai de mes fronte ao 25% do resto de trens. Puente pide desculpas aos usuarios e defende que "nunca houbo en España un mellor servizo ferroviario".
Fálase
Nova incidencia dun tren Avril, o AVE Vigo-Madrid deste xoves, no cambiador de ancho de Taboadela, ás portas de Ourense, que bloquea á súa vez a circulación doutros trens. Renfe informa dun plan alternativo de transporte e confirma que se trata dun tren Talgo S106, por cuxos fallos a empresa pública pedirá compensacións a Talgo.
Atopados os corpos dos dous guerrilleiros buscados en Visantoña, segundo vén de comunicar a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. A busca de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, enterrados nunha foxa común en 1952, comezou este martes.
Falece un traballador en Padrón tras ser atropelado por unha pá mecánica nunha fábrica na parroquia de Iria Flavia. Segundo informa o 112, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.
Morren dous mozos ao chocar a súa moto contra un camión na N-550 en Redondela.
Ánxel Casal, alcalde de Compostela en 1936, homenaxeado no Concello de Santiago 88 anos despois do seu asasinato polos golpistas. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, asegurou que "a memoria histórica é de gran importancia" porque "axuda a resignificar os feitos a partir do presente poñendo en perspectiva o vivido no pasado". No acto "necesario" polo "compromiso coa verdade, a xustiza e a dignidade de todas as persoas silenciadas" que tivo lugar no Pazo de Raxoi tamén interviron o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; e o edil Juan Jesús Cerqueiro en representación do Concello de Teo. Sanmartín destacou o labor de personalidades como Casal ou María Miramontes, a súa compañeira de compromiso político e vida, que son "referentes para o noso país" grazas á súa loita.
Na tarde deste domingo quedou extinguido un incendio de 40,72 hectáreas en Ponteareas que ardía desde o venres. Foi o primeiro no que vai de verán de máis de 20 hectáreas, cifra a partir da cal informa a Xunta.
As fines de semana de agosto Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Deixámosvos moito para lerdes e o luns estamos de volta
O BNG critica o "atraso" na publicación do informe anual sobre as actuacións contra a violencia machista do ano 2023, que a Xunta aínda non remitiu ao Parlamento. A deputada Noa Presas denuncia "a desidia do goberno da Xunta en materia de violencia machista", unha "desidia que vai na mesma liña da supresión da Secretaria Xeral de Igualdade no inicio deste mandato para diluíla en dúas direccións xerais", e avanza que o seu grupo presentará iniciativas na Cámara para ter acceso a eses datos.
Unha nova edición do denominado Ranking de Shanghai de universidades sitúa a USC entre as 501 e 600 mellores do mundo, a de Vigo entre a 801 e a 900 mentres que a da Coruña non figura. A nova valoración publicada este xoves supón unha mellora para a USC a respecto do pasado ano, cando se situaba no seguinte chanzo, mentres que a de Vigo cae desde o anterior nivel das 501-600.