O Obradoiro gaña ao Breogán no derbi da ACB por 100-83. [Imaxe: @OBRADOIROCAB]
Fálase
A militancia do PSdeG de Ourense reelixe como secretario provincial a Rafael Rodríguez Villarino, portavoz municipal na capital. Impúxose co 57% dos votos fronte ao 42% de Alfredo García, alcalde de Valdeorras. Tras os acordos acadados entre as candidaturas presentadas en Pontevedra e Lugo para que nesas provincias sexan David Regades e José Tomé os responsables provinciais, resta por coñecerse a secretaría na Coruña, onde as primarias son o próximo domingo e compiten as candidaturas de Bernardo Fernández e Noa Díaz.
Feijóo reivindica “a política que leva aos Parlamentos os problemas da xente” poucos días despois de presentar o PP iniciativas sobre as declaracións do ministro Garzón ou o independentismo en Galicia. O presidente critica nunha reunión dos populares galegos no Parlamento, o Congreso, o Senado e a Eurocámara a quen queira “trasladar á rúa a crispación dalgúns partidos”.
Ana Pontón reclama a Feijóo que "deixe de propagar bulos, facendo seguidismo da extrema dereita" e "poña en marcha solucións eficaces para garantir prezos xustos á produción de carne" en Galicia. A portavoz nacional do BNG afirmouno durante unha visita a unha explotación gandeira extensiva en Rois, que sinalou como "exemplo dun modelo sustentable, que preserva o territorio, que ofrece unha carne de primeira calidade" e que "precisa que a Xunta se implique" para paliar os baixos prezos.
Feijóo confirma que o próximo martes 25 de xaneiro comeza a vacinación coa dose de reforzo ás persoas de 29 anos ou menos -de xeito progresivo e decrecente ata os 18 anos- que recibisen a anterior dose hai máis de cinco meses.
Este xoves culmina o apagado das cubas de Alcoa na Mariña en aplicación do plan que contempla o peche da planta de aluminio de San Cibrao por dous anos a cambio de manter os empregos.
Pacto para unha candidatura única no congreso provincial do PSdeG na provincia de Pontevedra, onde David Regades continuará como secretario xeral tras pechar un acordo coa outra aspirante nas primarias, a deputada Paloma Castro. O pacto chega apenas dous días despois de que José Tomé e Xosé María Arias tamén integrasen nunha soa as súas candidaturas ás primarias en Lugo, onde o presidente da Deputación será o novo secretario provincial. [Imaxe: PSdeG]
Estragan con cortes boa parte dos paneis da exposición Galiza, un pobo, unha selección instalada fronte á Deputación de Lugo, na rúa de San Marcos da capital lucense. O responsable de Deportes da Deputación, Efrén Castro, condena "uns actos inxustificables" que, ao seu xuízo, "amosan o que traen os discursos de odio, que non toleran o diferente e responden con violencia a calquera actividade ou opinión distinta á súa". A exposición está promovida pola plataforma Vía Galega co apoio da institución provincial [Imaxe: Deputación de Lugo]
O Burela Futbol Sala, elixido mellor equipo do mundo por segundo ano consecutivo nos Futsalplanet Awards. As xogadoras laranxa gañaron o mes pasado o torneo máis importante a nivel europeo, o Futsal Women's European Champions, un triunfo que se uniu ao seu dominio nas dúas últimas ligas españolas, as tres últimas Copas da Raíña e as dúas últimas Supercopas. Ademais do recoñecemento para o equipo, o seu ex-adestrador Julio Delgado foi escollido como o mellor do mundo e Peque foi votada como a segunda mellor xogadora do planeta.
Marina Castaño relaciona os atentados do 11-M coas perdas da Fundación Cela que levaron á Xunta a rescatala. A viúva do escritor publica unha carta polo 20 aniversario do seu pasamento na que argumenta que Zapatero gañou os comicios tras os atentados e levou a España a unha crise -da que obvia o colapso financeiro internacional- que fixo que “os bancos e as empresas” que apoiaban a Fundación Cela deixasen de facelo. “Dese xeito, en 2011 tiven que entregala á Xunta de Galicia”, di, obviando o custo de fondos públicos que tivo a operación.