Renfe porá mañá, 23 de novembro, á venda os billetes do AVE á Meseta, que entrará en servizo o 21 de decembro. Así o vén de confirmar a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, na viaxe de probas que realiza este luns no último treito da liña. [Imaxe: Praza.gal]
Fálase
O Parlamento debate hoxe as emendas á totalidade dos Orzamentos da Xunta para 2022 formuladas por BNG e PSdeG. Nesta ligazón pódese seguir a sesión ao vivo e nestoutra, recuperar todas as informacións de Praza.gal a respecto das contas públicas galegas para o ano vindeiro.
O programa Salvados (La Sexta) abordou este domingo a situación de Ence na ría de Pontevedra tras as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga outorgada á pasteira polo Goberno de Rajoy ata 2073, así como as posturas enfrontadas sobre a súa permanencia na ría e a historia política e económica que acompaña á compañía. O espazo que conduce o xornalista galego Fernando González Gonzo contou con intervencións como as da activista Leonor González Nené (APDR), o alcalde de Pontevedra, o presidente da Xunta ou o director de Praza.gal, David Lombao
A ministra de Industria, Reyes Maroto, descarta a intervención do Goberno do Estado na factoría de Alcoa en San Cibrao. Maroto afirma que a multinacional é "o problema" e pídelle unha resposta antes de que remate o ano. Despois da folga xeral convocada na comarca da Mariña esta semana [na imaxe CC-BY-NC-SA CIG], este domingo unha nova concentración con preto de 500 moteiros volveu reclamar que non se desmantele a fábrica de aluminio da Mariña.
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, confirma a súa candidatura para presidir o PP vigués no congreso local do partido que se celebrará o 18 de decembro. Fernández-Tapias [na imaxe CC-BY-SA Xunta de Galicia], que conta co apoio do vicepresidente Alfonso Rueda, competirá coa candidatura dos ex-conselleiros Javier Guerra e Elena Muñoz.
Vigo prende o alumeado de Nadal desde a árbore metálica situada na rúa Policarpo Sanz, frente ao teatro García Barbón. Este ano son 11 millóns de leds os que o alcalde, Abel Caballero, acenderá á vez co centro da cidade ateigado de xente. Segundo o Concello de Vigo, que emite en directo o acendido das luces, as previsións da ocupación hoteleira na cidade para esta fin de semana achéganse ao 80%.
Unións Agrarias logra que a distribución retire o leite de Capsa e Lactalis dos seus supermercados durante esta fin de semana. Os cartóns de Larsa, President, Puleva ou RAM desaparecerán dos estantes como "xesto" para reivindicar o pagamento de "prezos xustos" aos gandeiros por parte destas industrias.
A delegada do Goberno do Estado contra a violencia de xénero, Victoria Rosell, avanza que os asasinatos por violencias machistas que suceden fóra do ámbito da parella, ou que son consecuencia de agresións sexuais, vanse contabilizar nas estatísticas do Ministerio de Igualdad a partir do 1 de xaneiro de 2022.
Entre os recoñecementos a persoas, proxectos e institucións cun labor destacado na loita contra as violencias machistas, o Ministerio de Igualdade distingue este ano na categoría de resiliencia ao redondelán Joshua Alonso Mateo, orfo por violencia de xénero tras o asasinato da súa nai, Sesé Mateo García.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autoriza a esixir o pasaporte COVID-19 aos acompañantes e visitas de pacientes ingresados nos hospitais galegos. Segundo os maxistrados, a medida ten "a función de evitar contaxios e de minimizar os riscos" e estará vixente ata o 4 de decembro. As persoas que non estean vacinadas poderán solicitar unha proba diagnóstica para acceder ao centro hospitalario ao que acudan como acompañante dun doente.
Aena informa de que o aeroporto coruñés de Alvedro “activou o seu plan de emerxencia por ameaza no voo Bilbao-A Coruña operado por Volotea”, que aterrou ás 7.30 desta mañá. O ente xestor dos aeroportos sinala que o pasaxe desembarcou, o avión estacionouse afastado e o aeroporto permaneceu operativo. Ás 10.00 horas o plan de emerxencia foi desactivado, segundo informa a Delegacion do Goberno de España, tras comprobar a Garda Civil que "non existía ningunha ameaza real".