O xurado popular do Caso Samuel acada un veredicto. Será lido este domingo ás 13 horas, confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A acusación sinala os cinco encausados por asasinato.
Fálase
Sumar Galicia constitúese ratificando por unanimidade a Verónica Martínez Barbero como presidenta e a Paulo Carlos López como secretario xeral. O primeiro obxectivo do partido, sinala López, é "implantar o proxecto de país" definido nos documentos políticos abordados na asemblea da formación, celebrada este sábado en Santiago e clausurada coa presenza de Yolanda Díaz. Na imaxe, o acto de clausura coa militancia participante na asemblea e delegacións convidadas.
Emerxencias amplía a alerta laranxa por temporal costeiro a todo o litoral das provincias da Coruña e Pontevedra e activa outra por vento de ata 100 km/h "no oeste e suroeste da Coruña". Para este domingo, agrega a Xunta, "actívase tamén unha alerta amarela por chuvias en diferentes áreas da Coruña e de Pontevedra". O 112 subliña "a importancia de afastarse de diques, rompentes e paseos marítimos", así como "retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento". A información actualizada das alertas pódese seguir no sitio web da Axencia Galega de Emerxencias e o detalle meteorolóxico, nos avisos de MeteoGalicia.
- DOCUMENTO | Alerta laranxa por fenómenos costeiros
- DOCUMENTO | Alerta amarela por chuvias e vento
Diversas vilas e cidades acollen os actos de izado da bandeira galega en conmemoración da I Asambleia Nazonalista que as Irmandades da Fala celebraron en Lugo en 1918, dando lugar ao primeiro programa político nacional para Galicia. A acción é promovida un ano máis pola plataforma Vía Galega, que destaca que chegou "máis de 170 localidades con actos en 56 concellos". Nas imaxes, os izados da bandeira en Santiago e Lugo -cidades nas que participaron cadansúas alcaldesas e outros membros dos gobernos municipais- e mais en Vigo. [Imaxes: Concello de Santiago | Concello de Lugo | Vía Galega]
Xosé Vizoso será homenaxeado no Día da Ilustración 2025. O artista mindoniense foi deseñador principal de Sargadelos ao carón de Isaac Díaz Pardo e como cartelista leva décadas poñendo imaxe a algunhas das principais festas populares do país, a comezar polas San Lucas da súa vila. O de 2025 será así o primeiro Día da Ilustración que homenaxea un autor en vida. A Consellería de Cultura, que organiza a conmemoración canda a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración cada 30 de xaneiro cadrando co nacemento de Castelao, confirmou a elección este sábado. Na imaxe, diversos carteis festivos deseñados por Vizoso.
Sara Aagesen será a substituta de Teresa Ribera como vicepresidenta terceira do Goberno de España e ministra de Transición ecolóxica e reto demográfico. Ata agora, Aagesen [📸 Miteco] ocupaba a secretaría de Estado de Enerxía. Máis información en infoLibre.
O PP encomenda a súa comisión de cultura á edil compostelá María Baleato como remuda do dimisionario Daniel Chapela. Na primeira xuntanza do órgano tras a dimisión -na imaxe-, a secretaria xeral dos populares, Paula Prado, proclama que "a politización non axuda nada" en materia de política lingüística e, canda o conselleiro López Campos, anunciou mocións nos concellos para que as entidades locais "se animen a formar parte do pacto pola lingua" [Imaxe: CC BY-SA PP]
Feijóo di estar agora "á disposición" dos grupos que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez se "algún quere acabar" co actual Goberno de España e dar paso a outro presidido por el mesmo. O ex-presidente e actual líder do PP faino despois de o principal encausado no denominado caso Koldo, o empresario Víctor de Aldama, asegurase na Audiencia Nacional que pagou centos de miles de euros en comisións ao ex-ministro José Luis Ábalos e ao seu asistente, Koldo García. O PSOE anuncia accións legais contra De Aldama por sinalar o partido como suposto destino de achegas ilegais. [Imaxe: © PP]
O Tribunal Penal Internacional ordena a detención de Benjamin Netanyahu, primeiro ministro de Israel, pola comisión de crimes de guerra e lesa humanidade en Gaza. O ICC ordena así mesmo a detención do exministro de Defensa israelí, Yoav Gallant, e do xefe do brazo armado de Hamás, Mohamed Deif, a quen Israel dá por morto.
O PP celebra este xoves a súa comisión de Cultura tras a dimisión do seu coordinador, Daniel Chapela, pola "incompetencia" na xestión da política lingüística. En entrevista con Praza.gal Chapela sinalou que levaba pedindo a reunión desde abril.