Lara Méndez formaliza a súa renuncia como alcaldesa de Lugo para concorrer ás eleccións galegas como número dous da lista lucense do PSdeG, que encabeza José Ramón Gómez Besteiro. No seu derradeiro pleno como rexedora, Méndez subliñou que mantén o "compromiso de seguir traballando por e para Lugo" dende as súas novas responsabilidades. Á espera da elección da nova alcaldía, posto para o que se perfila a concelleira socialista Paula Alvarellos, o bastón de mando fica provisionalmente nas mans de Rubén Arroxo (BNG), primeiro tenente da Alcaldía. [Imaxe: Concello de Lugo]
Fálase
O Salario Mínimo Interprofesional subirá ata 1.134 euros mensuais en catorce pagas, 54 máis que actualmente. O Ministerio de Traballo acorda cos sindicatos CC.OO. e UGT esa alza dun mínimo do 5% mentres a patronal CEOE se desmarca.
Suráfrica presenta a súa acusación contra Israel na Corte Internacional de Xustiza acusándoo de manter "un patrón de conduta xenocida" en Gaza con "asasinatos en masa". Este venres é a quenda das autoridades israelís para responderen os argumentos expostos polo Goberno surafricano. Nesta ligazón pódese consultar íntegra a acusación de Suráfrica no tribuna da Haia. Na imaxe [© UN Photo/ICJ-CIJ/Frank van Beek. Courtesy of the ICJ], un intre da sesión.
Principio de acordo entre sindicatos e Vitrasa para desconvocar a folga do transporte urbano de Vigo. O preacordo acadado este xoves inclúe subas salariais ou a retirada das sancións pola folga do Marisquiño, segundo informou o comité de empresa nun comunicado. Os traballadores decidirán en asemblea durante este venres se ratifican a proposta.
Unha caída eléctrica paraliza a circulación en tren desde A Coruña. Unha avaría que afecta á sinalización e ao control de tráfico impide a saída e a chegada de trens e afecta centos de usuarios. Hai varios trens afectados, algúns sen saír e outros retidos.
Os sindicatos cualifican de "alto" o seguimento da folga convocada en Abanca por CIG e ASCA en demanda de melloras que "compensen a perda de poder adquisitivo" do persoal. O paro "supera as expectativas" sindicais e provocou o peche de oficinas nunha xornada na que está convocada unha manifestación na Coruña. Máis información, hoxe en Praza.gal.
A Audiencia Nacional absolve a Iberdrola e desbota que delinquise na xestión das súas centrais do Sil para subir o prezo da electricidade. A Comisión da Competencia multara á empresa por manipular o prezo da luz en 2013 pero a xustiza atribúe o ocorrido á meteoroloxía. [Imaxe: Iberdrola]
Podemos tomba o decreto do subsidio de paro e fai fracasar a medida impulsada polo Ministerio de Traballo. A formación morada si votará a favor dos decretos ómnibus e de escudo social.
- AMPLIAMOS | Sánchez salva os decretos anticrise e ómnibus que bloqueaba Junts pero a reforma do paro de Díaz bate con Podemos
- HEMEROTECA | A reforma do subsidio de desemprego increméntao ata os 570 euros e faino compatible cun traballo
- HEMEROTECA | O Goberno de España mantén os descontos en transporte e alimentos e o imposto á banca
A OPE (oferta pública de emprego) en educación para este ano consta de máis de 1.700 prazas, 520 delas en Primaria e Infantil e outras 875 en Secundaria. A Consellería traslada o borrador coa oferta aos sindicatos para abordalo o martes na mesa sectorial.
Aurichu Pereira será homenaxeada este xoves 11 no Museo do Pobo Galego cun acto en memoria da artista, que comezará ás 19 horas e que se complementa cunha exposición da súa obra pictórica e dos seus deseños de moda. No acto intervirán Concha Losada, Xosé Ramón Fandiño, Chus Nogueira, Mercedes Rozas e Xosé Manuel Beiras. Haberá música a cargo de Miro Casabella e Tomás Camacho e poesía da man de Oriana Méndez e Celso F. Sanmartín. A homenaxe, será aberta para todas as persoas que queiran asistir, retransmitirase en directo a través da canle de Youtube do Museo.