Comeza a folga de dependentas de Inditex da provincia da Coruña en tendas que principian xa este xoves cos descontos do black friday. "Anticipa un seguimento masivo da folga" para a xornada do venres, sinala a CIG, que convoca o paro xunto coa UGT -que se desmarcou do pacto do propio sindicato e de CCOO coa empresa a nivel estatal-. A reclamación dun incremento salarial que "permita chegar a fin de mes" está no centro da reivindicación. [Imaxe: CIG]
Fálase
A viguesa Susana Rodríguez Gacio logra o seu cuarto título mundial consecutivo de paratríatlon no campionato que se está a disputar en Abu Dhabi, co que xa ten cinco en total. Completou o percorrido en 1 hora, 8 minutos e 10 segundos xunto á súa guía Sara Löehr e segue engrosando un palmarés no que xa conta, tamén, co ouro dos Xogos Paralímpicos de Toquio. Na imaxe, a triatleta co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, desprazado en Abu Dhabi por ser a Boa Vila sede da Gran Final das Series Mundiais en 2023 [Imaxe: Concello de Pontevedra]
Amplo apoio á ministra de Igualdade, Irene Montero, ante os ataques da extrema dereita no Congreso. "As feministas e as demócratas somos máis e imos parar a esta banda de fascistas con máis dereitos", retrucou Montero tras afirmar unha deputada de Vox, no medio dunha censura xeral á lei de liberdade sexual, que "o único mérito que ten é que estudou en profundidade a Pablo Iglesias". Na imaxe, a ministra expoñendo os orzamentos do seu departamento para 2023, este mércores no Congreso [© Congreso]
- 📺 SESIÓN DE CONTROL | Pontón defende o "avance" da lei de liberdade sexual e censura o "carroñeirismo" do PP, que a chama "covarde" por apoiala
- Colectivos feministas e oposición lamentan a campaña da Xunta polo 25N: "Non somos nós as responsables da violencia"
- HEMEROTECA | Rebaixas de penas por abuso e agresión reabren o debate gobernamental e xurídico sobre a lei de liberdade sexual
Ratificada a folga de dependentas de tendas de Inditex na provincia da Coruña para o 25 de novembro, cadrando co black friday. As traballadoras mobilízanse da man da CIG e tamén da UGT, que se desmarca do pacto coa empresa asinado a nivel estatal por este sindicato e mais por CC.OO. No centro da reivindicación, sinalan, está un incremento salarial digno "que nos permita chegar a fin de mes". [Imaxe: CC BY-NC-SA CIG]
Feijóo presenta a Rueda nun almorzo informativo en Madrid asegurando que o Goberno de España traballa a prol de "independentistas", "malversadores", "okupas" e "agresores sexuais". Tamén erixiu o Executivo galego en garantía de "estabilidade" e "moderación. Durante o encontro, organizado pola axencia Europa Press, o presidente da Xunta afirmou que en 2023 "Galicia seguirá sendo a comunidade que máis intensamente apoia as familias" e acusou a Pedro Sánchez de prexudicar a Galicia para atacar a Feijóo [Imaxe: CC BY-SA Xunta]
Monbús comeza a permitir reservar praza por internet en billetes adquiridos coas tarxetas de transporte da Xunta (TMG e Xente Nova), que implican desconto. O plan "piloto", dende o día 23, restrínxese aos traxectos Santiago - Lugo, Ourense - Lugo, Ourense - Pontevedra e Ourense – Vigo dentro das concesións XG802 e XG623, e será estendido "gradualmente". A principal concesionaria dos autobuses da Xunta indica que para poder reservar prazas, "os usuarios teñen que dirixirse á páxina web de Monbus e rexistrarse facilitando os seus datos persoais, o número da súa tarxeta TMG ou Xente Nova e abonar unha fianza de 10€". A compañía di "pretender evitar o uso indebido do sistema de reservas. [Imaxe: © Monbús]
Morre aos 79 anos o cantautor cubano Pablo Milanés. Home de fondo compromiso político e social, foi autor de máis de 40 discos en solitario e abondosas colaboracións tamén con artistas galegos como Luis Emilio Batallán. Na última etapa da súa vida mantivo abondosos vencellos familiares e profesionais con Galicia. A súa canle de YouTube permite recuperar boa parte dos seus temas máis emblemáticos.
O Colexio Arbitral de Pontevedra, órgano de control das eleccións sindicais, anula o proceso electoral de Stellantis Vigo logo da impugnación presentada pola CUT sobre "diferentes manobras de control do voto". "En resumo, non se xeraron as circunstancias suficientes para que as persoas puidesen votar en liberdade e en secreto. É un vicio moi grave, que ten que implicar a anulación das eleccións", recolle o laudo arbitral, que ordena a repetición das eleccións na factoría.
A Fiscalía do Estado rexeita que se revisen as condenas a violadores se as que lles impuxeron poden manterse ao abeiro da nova lei de liberdade sexual. Así indica nun decreto emitido este luns do que informa infoLibre. Na imaxe, o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz.
Hoxe hai cen anos do nacemento da actriz María Casares, o 21 de novembro de 1922 na Coruña. O vindeiro 3 de decembro, no marco das celebracións polo seu centenario, o Instituto Cervantes de París acollerá a representación da obra 'Continente María', protagonizada por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich e dirixida por Tito Asorey, que fai un percorrido polo legado escénico e vital de Casares. [Na imaxe, María Casares, en 'Les Justes' (1949)]