Comeza nestes momentos en Compostela a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en defensa da Atención Primaria e do sistema sanitario público. Toda a información, este mediodía en Praza.gal

Comeza nestes momentos en Compostela a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en defensa da Atención Primaria e do sistema sanitario público. Toda a información, este mediodía en Praza.gal
La Voz de Galicia publica unha nova entrega da súa sondaxe para as eleccións municipais de maio nas sete cidades galegas, con poucos cambios en relación á publicada en decembro. Mentres que os triunfos do PSdeG en Vigo, A Coruña e Compostela e do BNG en Pontevedra semellan claros, o PP podería facerse coa Alcaldía de Ferrol de forma axustada, cunha grande igualdade tamén en Lugo, con maioría para a esquerda. En Ourense, PP e PSdeG presentan un empate técnico
Luís Zahera gaña o Goya ao mellor actor de reparto por As Bestas. É o segundo Goya que obtén o actor compostelán, despois do que recibiu en 2019 por El Reino.
Un día antes da manifestación pola sanidade pública convocada para este domingo en Compostela, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou "o importante esforzo económico e organizativo do Goberno galego" e "o indispensable papel dos médicos" para "consolidar e seguir mellorando o magnífico nivel da sanidade pública galega en todos os eidos”
A celebración do Día dos Medios en Galego culminou este xoves co concerto de Ortiga e Grande Amore na compostelá Sala Capitol, organizado pola Asociación de Medios en Galego e con todos os convites esgotados. Vídeo elaborado pola AMEGA, da que Praza.gal é membro.
A xuíza envía a prisión provisional, comunicada e sen fianza á ex-parella de Beatriz Lijó como acusado de matala. Atribúelle un delito de asasinato ou homicidio no ámbito da violencia de xénero -a determinar durante a instrución, especifican fontes xudiciais-. Durante toda a tramitación da causa quédalle prohibido "comunicarse por calquera medio e aproximarse a menos de 500 metros" dos fillos de ambos, ante os que presuntamente cometeu o asasinato. Na imaxe, concentración en repulsa do asasinato de Beatriz e en condena da violencia machista, en Vigo este pasado mércores.
O presidente da patronal CEOE, Antonio Garamendi, deixa de ser autónomo e pasa a ter un contrato de alta dirección por uns 400.000 euros anuais, segundo unha información publicada este xoves por El País e confirmada pola propia entidade empresarial, que pide "respecto" ás súas decisións sobre a cuestión. Garamendi, que vén de ser reelixido, está no posto dende 2018 e durante todo o primeiro mandato exerceu como autónomo na CEOE. Na imaxe, Garamendi intervindo nunha asemblea da Asociación de Trabajadores Autónomos (ATA) [© CEOE]
O Constitucional avala a lei do aborto do Goberno de Zapatero e rexeita o recurso que interpuxo o PP hai doce anos. Informa infoLibre. O aval do tribunal de garantías chega na recta final da tramitación da nova lei de saúde sexual, que tamén atinxe ao dereito á interrupción voluntaria do embarazo e que vén de recibir luz verde do Senado.
O movemento feminista expresou este mércores nunha trintena de concentracións en vilas e cidades galegas a súa repulsa polo asasinato machista de Beatriz Lijó en Baiona a mans da súa ex-parella. Este mércores desenvolveuse en Baiona o funeral da muller asasinada. Na imaxe, concentración en Vigo.
A maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a muller de Vigo, encargado do asasinato machista cometido o domingo en Baiona, prorroga durante 72 horas máis a detención do presunto autor do crime, a ex-parella da vítima e pai dos seus dous fillos, agora orfos de nai. Esta decisión, segundo trasladan fontes xudiciais, tomouse tras valorar o informe forense sobre o detido, que conclúe que nestes momentos "non está en condicións de prestar declaración". Será trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo [na imaxe] para que sexa valorado, onde estará "custodiado de forma permanente pola Policía Nacional" ata que o centro sanitario emita un informe.