Ana Miranda, eurodeputada do BNG, lamenta que Rueda "só se reunise con eurodeputados do PP" na súa visita a Bruxelas: "Por iso fun saudalo e presentarme". Miranda dirixiuse ao presidente nos corredores da Eurocámara cando ía ao pleno do Comité das Rexións, no que o titular da Xunta exerce agora unha das vicepresidencias. A nacionalista lamenta que na súa axenda "non tivese en conta a única eurodeputada galega que forma parte da Comisión de Política Rexional na que se decide o reparto de fondos para Galiza". [Vídeo: BNG Parlamento Europeo]
Fálase
Rueda defende ante a vicepresidenta primeira da Comisión Europea, Teresa Ribera, a "absoluta rigorosidade" das avaliacións ambientais da Xunta logo de varias anuladas pola xustiza. O presidente, á espera do permiso a Altri, di que a UE pode "ter a tranquilidade" de que calquera proxecto autorizado pola Xunta é viable e respectuoso co medio ambiente. Rueda tamén participou este xoves en Bruxelas no consultivo Comité das Rexións, na imaxe, onde foi elixido para unha das vicepresidencias e falou en galego, como xa fixeron outros moitos representantes rexionais no pasado cos seus respectivos idiomas.
Luis Rubiales, condenado a 10.800 euros de multa por agresión sexual no caso do bico a Jenni Hermoso. O ex-presidente da Federación Española de Fútbol foi absolto do delito de coaccións. O ditame prohíbelle achegarse á xogadora nun radio de 200 metros e comunicarse con ela durante un ano. Foto: RFEF.
O DOG publica o reparto dos 2 millóns de euros de subvención da Xunta para gastos de funcionamento das forzas políticas con representación parlamentaria, nas que participa por primeira vez Democracia Ourensana. O criterio para a repartición destas achegas públicas son os resultados das últimas eleccións galegas, nas que o PP obtivo 40 escanos, o BNG 25, o PSdeG 9 e DO, 1.
Trump chama "ditador" a Zelenski e advírteo de que "quedará sen país" se non actúa "rápido". O presidente dos EUA asegura que está a "negociar con éxito" a fin da guerra en Ucraína. O presidente ucraíno acusara o seu homólogo estadounidense de vivir nunha "burbulla de desinformación". Foto: CC BY-SA Gage Skidmore
O libro Números, da editorial galega Fabulatorio, recibe unha mención especial nos Bologna Ragazzi Awards 2025, na categoría Toddlers –destinada a libros para nenos e nenas de 0 a 3 anos– destes premios, organizados pola Feira do Libro Infantil de Boloña e considerado o premio máis importante a nivel internacional no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Ideada por Cibrán Rico e Suso Vázquez, con ilustracións de Álvaro Valiño, esta obra editada en nove idiomas permite un achegamento lúdico ao mundo dos números mediante a estimulación dos sentidos do tacto e da vista. [📸 © Fabulatorio]
As seleccións galegas de fútbol masculina e feminina volverán xogar neste 2025. Así o anunciou o presidente da Federación Galega, Pablo Prieto, nunha entrevista na Radio Galega na que adiantou tamén que o combinado galego de fútbol sala xogará contra Catalunya.
Adxudicado o estudo de viabilidade dunha conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago. Tras a súa paralización polo recurso dunha consultora, o traballo é encomendado polo Ministerio de Transportes á unión temporal de empresas Fulcrum Lugo y Santiago de Compostela por 357.857 euros e ano e medio de prazo de execución. O ministro Óscar Puente encadra o contrato no "impulso do tren e as estacións en Galicia". Na imaxe, vía férrea de Lugo á Coruña ao seu paso por Parga (Guitiriz) [CC BY-NC-SA Praza.gal]
- HEMEROTECA | O estudo para unha liña de tren Lugo-Santiago reactívase tras dous meses parado polo recurso dunha consultora
- HEMEROTECA | O tren Lugo-Santiago pasa de proposta política a estudo técnico aínda lonxe de ser real
- HEMEROTECA | O ministerio abre a porta a unha liña de tren máis "directa" Lugo-Santiago sen pasar por Curtis
A saúde do Papa Francisco empeora. Sofre unha pneumonía bilateral que se suma á bronquite que padece desde hai días e que o mantén ingresado nun hospital. As novas probas confirman o "cadro complexo" de Bergoglio. Foto: CC-BY-SA Long Thiên
O PSOE expulsa definitivamente catro dos seus concelleiros en Santiago. Ferraz ratifica a marcha de Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez do partido, que negou a ampliación do prazo para alegacións, segundo informa Radio Galicia.