O BNG levará o Parlamento "unha Lei do Viño de Galiza", co obxectivo de "apoiar" aos produtores e ás produtoras e "dar ao sector o impulso que precisa". Ana Pontón anunciou na celebración da XXXI Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, que o proxecto de lei formará parte dunha batería de iniciativas en defensa dun sector "clave para o desenvolvemento do rural" pola súa capacidade "para xerar riqueza e emprego, para fixar poboación e para preservar o territorio".
Fálase
O Celta anuncia a posta en marcha do equipo de fútbol feminino para a próxima tempada. O club únese coa Unión Deportiva Mos para este proxecto, que presenta baixo o liderado da nova presidenta, Marián Mouriño. "O equipo nacerá a próxima tempada en Terceira Federación, máis equipos infantil, cadete e filial, coa clara vocación de crecer sen pausa", sinala o Celta nun comunicado. [Fotografía © RC Celta]
Ponte...nas Ondas! leva a Lisboa a súa defensa do patrimonio inmaterial galego-portugués. Unha delegación de alumnos, profesores e músicos galegos representou a iniciativa Ponte... nas Ondas! en Lisboa para presentar o modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial que a UNESCO inscribiu en decembro de 2022 a proposta de Portugal e España. O Centro Galego acolleu unha xornada na que a rapazada puido entrevistar a Graciano Espinheira, de Barciademera; o grupo de pandereita Ghalderios; a Luiz Caracol e á cantora galega Uxía, madriña deste proxecto que se desenvolve nas aulas.
- HEMEROTECA | Patrimonio, radio e lazos coa Lusofonía: o modelo de Ponte nas Ondas esténdese por 20 novos centros de ensino
- HEMEROTECA | A UNESCO recoñece a irmandade galego-portuguesa de Ponte nas Ondas! como exemplo de boas prácticas
- HEMEROTECA | Santi Veloso: "Parece que un proxecto educativo é algo menor, pero este premio demostra que Ponte nas Ondas debía ser apoiado"
O eurodeputado galego do PP Francisco Millán Mon volve recuncar nas listas dos populares para as eleccións ao Parlamento europeo que encabeza a catalá Dolors Montserrat. O PP de Feijóo inclúe na candidatura europea, no décimo posto sendo o oitavo para Millán Mon, a Adrián Vázquez Lázara, que se presentou como galego –por ser a orixe dos seus pais– por Ciudadanos nos anteriores comicios.
A vacinación contra o Virus Respiratorio Sincitial (VRS) evita unhas 400 hospitalizacións de bebés menores de 6 meses e acada unha efectividade do 82%, segundo os datos da primeira campaña que vén de presentar o Sergas, que lembra que antes da pandemia da COVID este virus provocaba "entre 800 e 1.000 hospitalizacións" ao ano, tres de cada catro en menores dun ano de idade. Dende o pasado setembro e até marzo foron inmunizados 13.505 nenas e nenos. [Imaxe: CC BY-SA Xunta]
Festa por Luz Fandiño este domingo, 5 de maio, ás 11 horas no Museo do Pobo Galego. Amizades da poeta finada esta semana aos 92 anos organizan unha primeira homenaxe na que haberá espazo para o activismo, a poesía, a mocidade e o feminismo. [Fotografía de Sés e Luz Fandiño o pasado novembro na entrega do premio Facer País, outorgado pola Asociación Cultural Val de Láncara]
- OBITUARIO | Luz Fandiño, versos e loita ata a fin
Botan a andar os dous departamentos que substitúen a desaparecida Secretaría Xeral de Igualdade coa toma de posesión das persoas que os dirixirán: María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade; e Roberto Barba, director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero. Quintiana coordinaba ata agora as redes sociais do presidente da Xunta e Barba exercía de maxistrado do Xulgado de Violencia de Xénero número 1 da Coruña. Ambas áreas dependen agora da Consellería de Política Social e teñen rango orgánico inferior á anterior secretaría xeral. Estes nomeamentos son parte dos aprobados este pasado luns no Consello da Xunta.
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, queda encargado do despacho dos asuntos do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa viaxe a Arxentina dos próximos días. O DOG publica o decreto que así o establece ás portas dunha viaxe na que Rueda reunirase con empresas pesqueiras galegas e a emigración.
José Mujica anuncia que sofre un cancro de esófago. O expresidente uruguaio informa nunha rolda de prensa de que a súa saúde complícase, ademais, pola enfermidade do sistema inmunolóxico que xa padecía. "Mentres poida, seguirei militando e entretido coas verduras. Mentres o rollo aguante, vou seguir (...) Quero transmitirlle ás pibas e pibes que a vida é fermosa, e gástase e vaise", di Mujica. [Na imaxe, José Mujica en El Pepe, una vida suprema, o documental de Emir Kusturica]
Pedro Sánchez comunicará ás 11 desta mañá se dimite ou continúa na presidencia do Goberno de España a través dunha "declaración institucional" dende La Moncloa, segundo vén de confirmar a Secretaría de Estado de Comunicación, que inicialmente a situara nas 12. O máis destacado do seu anuncio, este mediodía en Praza.gal. [Imaxe: © José Manuel Álvarez / Pool Moncloa]