Samsara, de Lois Patiño, premio especial do xurado na Berninale dentro da sección Encounters. O galardón é concedido ex aequo xunto a Orlando, My Political Biography de Paul B. Preciado.

Samsara, de Lois Patiño, premio especial do xurado na Berninale dentro da sección Encounters. O galardón é concedido ex aequo xunto a Orlando, My Political Biography de Paul B. Preciado.
O corpo aberto, Valentina, Rapa e La entrega, distinguidas na xuntanza de finalistas dos XXI Mestre Mateo, celebrada este sábado en Allariz. O filme de Ángeles Huerta levou o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade, a fita de animación de Chelo Loureiro o Premio Deleite á promoción da lingua; a serie de Jorge Coira obtivo o Premio Galicia Calidade á promoción exterior e a curtametraxe de Pedro Díaz, o Premio Cafés Candelas á produción máis inspiradora. Os Mestre Mateo entréganse o 11 de marzo en Ourense. [Imaxe: © Aigi Boga]
A Consellería de Emprego e Igualdade transfire á de Sanidade os fondos europeos que o Ministerio de Igualdade lle asignou en 2022 para abrir centros de atención 24 horas para vítimas de violencia sexual. A principios do pasado ano a conselleira María Jesús Lorenzana dixera prever que estes centros serían catro, un por provincia, e agora concreta xunto ao de Sanidade, Julio García Comesaña, que se situarán nas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo. Ligalos ao Sergas, defende a Xunta, "facilitará unha mellor coordinación dos servizos na atención de emerxencia ás posibles vítimas de violencia sexual".
A Fiscalía Anticorrupción pide 15 anos de cadea para Jorge Fernández Díaz, ministro do Interior do Goberno Rajoy, por artellar unha trama policial de espionaxe a Luis Bárcenas co obxectivo de roubarlle posibles probas "incriminatorias" contra o PP no caso Gürtel. Información en infoLibre. Na imaxe, Fernández Díaz visitando con Feijóo e Rueda instalacións da Unidade de Policía adscrita á Xunta en 2013.
O alcalde de Samos polo PSdeG non volverá presentarse e o seu fillo, de 25 anos -na imaxe-, será o candidato do PP na vila. Julio Gallego é rexedor da vila lucense dende 2007 e o seu pai, avó do agora candidato do PP, Miguel Gallego, ocupara o cargo nos anos 80 por Coalición Galega. Este venres, o aínda alcalde declara a El Progreso que "agora" se "considera de dereitas". [Imaxe: PP de Lugo]
Galicia encheuse este xoves de actividades para homenaxear a Rosalía de Castro no seu día. A Fundación que vela polo legado da poeta, a Xunta, deputacións e concellos, centros de ensino e entidades culturais lembrárona en numerosos actos poéticos e musicais que, nalgúns casos, continúan nos vindeiros días. Na imaxe, ofrenda floral na compostelá praza de Vigo, preto do lugar onde naceu Rosalía, no antigo Concello de Conxo.
Vox confirma a presentación dunha segunda moción de censura contra o Goberno do PSOE e Unidas Podemos. A formación de extrema dereita, que a anunciara o pasado decembro, di prever rexistrala o vindeiro luns co antigo membro do PCE e do CDS Ramón Tamames como candidato. En 2020 xa presentaran unha, daquela co seu líder Santiago Abascal á fronte, e acabara sendo a menos apoiada de todas as formuladas dende a Constitución de 1978 con 298 votos en contra e só 52 a prol, os do propio partido que a formulou. [Imaxe: ©Congreso]
A Coruña homenaxea o cómico Pedro Brandariz no primeiro aniversario da súa morte. Ao carón da súa silueta, incorporada á Praza do Humor da cidade xunto con outras figuras, familiares e compañeiros de profesión de Brandariz lembraron o seu traballo e sorrisos no seu cabodano. "Brandariz deixounos como legado a súa felicidade, unha forma de vida sen complexos desde o humor que hoxe fica para sempre nas rúas da Coruña", salientou a alcaldesa, Inés Rey. [Imaxe: Concello da Coruña]
O PP atribúe ás restricións da COVID que a Xunta aínda non resolvese procesos de oposicións convocados en 2019 e cuxas probas e trámites se desenvolveron en 2021 e 2022. En resposta a unha iniciativa de Iago Tabarés (BNG) que esixía culminar estas oposicións, o popular Alberto Pazos asegura que o Goberno galego actúa "de maneira exemplar" e descualifica a proposición como un "esperpento". Os corpos afectados polas demoras, destaca Tabarés, son algúns como auxiliar de enfermaría, educación social, traballo social ou bombeiros forestais. En 2021, o Goberno galego culpara os sindicatos da excesiva duración das oposicións. Na imaxe, exames de oposicións en Silleda durante a pandemia
Feijóo acusa a Pedro Sánchez de "molestar á xente de ben" coa lei trans e mófase de políticas sociais do Goberno de España como a suba do salario mínimo ou das bolsas de estudo. En infoLibre, crónica da sesión de control no Senado, na que o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP interpela a Sánchez na súa condición de senador por designación do Parlamento de Galicia.