Gandeiros toman as rúas de Lugo con vacas e uns 400 tractores en protesta polos "prezos baixos" da carne. Os produtores de Ternera Suprema alertan dos "altos custos de produción" e dos "recortes na PAC".
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/337560814-186358254260652-5085535165316983259-n-fbc8213.jpeg)
Gandeiros toman as rúas de Lugo con vacas e uns 400 tractores en protesta polos "prezos baixos" da carne. Os produtores de Ternera Suprema alertan dos "altos custos de produción" e dos "recortes na PAC".
O Tribunal Constitucional avala a reforma educativa de 2020 e considera conformes á Constitución preceptos da vixente lei educativa como prohibir a subvención pública a colexios que segregan o alumnado por sexo. Considera tamén que o texto garante o ensino do castelán e do resto de idiomas oficiais. Faino, segundo informa nun comunicado, ao desestimar o recurso que a formación de extrema dereita Vox presentara contra a alcumada como lei Celáa, en referencia á ministra de Educación que a impulsou.
Galicia reduciu a emisión de gases de efecto invernadoiro un 34% en 2021 con respecto a 1990 e foi a segunda comunidade autónoma cun maior descenso, segundo adiantou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
Manuel Fernández de Sousa, ex-presidente de Pescanova, entra en prisión, onde permanecerá seis anos logo de ser condenado pola súa xestión na empresa. O empresario ingresou este martes no cárcere de Soto del Real (Madrid).
O xulgado fixa o 26 de xuño como data na que os Franco poderán retirar de Meirás os poucos bens que a Audiencia da Coruña lles permite levar: unhas imaxes relixiosas, unha lámpada e unhas alfombras.
O próximo curso escolar comezará o 11 de setembro e rematará o 21 de xuño. Así o acordaron este martes Xunta e sindicatos, que tamén fixaron as vacacións de Nadal do 22 de decembro ao 7 de xaneiro. O Día do Ensino será o 7 de decembro e tampouco será lectivo.
Fátima Pego e Grande Amore, xuntos no tema musical da nova campaña a prol do uso do galego lanzada por Alingua, a rede de concellos que se uniron o pasado 2022 para promover o idioma "con fachenda" e que actualmente xa reúne dezanove municipios. Baixo o lema É túa. Pásaa! "apela ao uso do galego no individual e no colectivo".
Formoso asegura que o Goberno de España fará máis vivenda para a xente moza en Galicia en 2023 que Feijóo e Rueda en quince anos. O secretario xeral do PSdeG celebra que o Executivo central destine ao alugueiro social 50.000 vivendas da SAREB e pídelle á Xunta que colabore coa iniciativa.
28M | O DOG publica o cesamento do presidente do Porto de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, tamén ex-conselleiro de Sanidade, que volverá ser candidato do PP á alcaldía de Baiona. A orde publicada sinala que o cesamento é “por petición propia” e que terá “efectos do día 20 de abril”.
Pedro Sánchez anuncia un plan para destinar as case 50.000 vivendas da Sareb (actualmente ten 46.542, 1.830 delas en Galicia), o 'banco malo', a "alugueiro asequible". Durante a Conferencia Municipal do PSOE, o presidente do Goberno de España afirma que o proxecto recibirá o visto e prace no Consello de Ministros do vindeiro martes. Suporá, especifica, poñer 21.000 vivendas á disposición de concellos e autonomías dentro dun plan que implica tamén construír unhas 15.000 en terreos da propia Sareb.