O papa valora visitar Santiago no Ano Santo 2027, segundo avanza o Correio da Manhã citando fontes diplomáticas da Santa Sé, españolas e portuguesas. O xornal portugués sinala que a Secretaría de Estado do Vaticano traballa na posibilidade dunha visita pastoral na que León XIV acuda á capital galega polo ano xacobeo e a Fátima para conmemorar os 110 anos das que a Igrexa católica considera como probadas aparicións da Virxe. A anterior visita papal ao noso país remóntase a 2010, cando acudiu Bieito XVI. O pasado maio, no inicio do pontificado, o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, reiterou a súa intención de convidalo a Compostela.
