Dez temas que contamos na ponte e poden interesarche

Temas que contamos na ponte de decembro e poden interesarche CC-BY-NC-SA Praza.gal

A ponte de decembro foi este ano menos ponte. Co 6 festivo, pero sábado, ficou máis ben nunha pasarela de fin de semana longa con vistas xa ás festas do Nadal, Aninovo e Reis. Uns días, en todo caso, propicios para a desconexión e para non ter tanta atención nunha actualidade que -damos fe- pode chegar a ser abafante.

Nestes días parte da redacción de Praza.gal tamén tivo descanso. No entanto, continuamos publicando informacións que, dende o máis actual ata o máis repousado, se cadra poden interesarche agora, no regreso da ponte-non ponte. Ningunha delas caduca e todas elas son posibles grazas ás nosas socias e socios.

Conclusións do Consello de Contas sobre o incumprimento do obxectivo do novo hospital Álvaro Cunqueiro de reducir o peso de Povisa CC-BY-SA Imaxes: Povisa e Xunta | Montaxe: Praza Pública

Así mudou Feijóo o obxectivo do bipartito de que o novo hospital de Vigo puxese fin ao concerto de Povisa

O escándalo desencadeado despois de que o xornal El País informase sobre como Ribera Salud, propietaria de Povisa, ordena rexeitar pacientes nun hospital madrileño para gañar máis, volveu poñer o foco sobre a actuación destas empresas privadas na sanidade pública. En 2007 o Sergas prevía que co daquela futuro Álvaro Cunqueiro o centro privado pasaría a ser "complementario e de apoio ao CHUVI e non substitutorio", pero o Consello de Contas vén reflectindo como se foron incumprindo os obxectivos 

As cidades gañan 13 mil habitantes en catro anos e a Galicia urbana concentra xa o 64% da poboación

Os datos actualizados do censo amosaron o crecemento das cidades, con cifras sinaladas como que Santiago e Lugo superan os 100.000 habitantes e A Coruña, os 250.000. Nestes días seguimos debullándoos en pezas interactivas que nos amosan como dende o 2001 as sete áreas urbanas galegas gañaron case 150.000 habitantes. En cambio, o resto do país perdeu 127.000. A tendencia de crecemento da Galicia urbana non é nova. Porén, nas últimas tres décadas quen estaba a gañar poboación non eran tanto as cidades coma os concellos das súas áreas metropolitanas. Agora as urbes volven medrar con forza

O que apañan as redes da enésima alerta do PP contra o "adoutrinamento" 

Os grupos políticos depositan nas redes gran parte das esperanzas de que os seus discursos ou retruques atravesen os muros do Parlamento e do silencio. Boa mostra foi o eco do enésimo debate propiciado polo PP, a pasada semana, sobre supostos perigos provocados polo BNG. Os populares encomendaron divulgar a cuestión nas redes aos seus deputados Grueira e Santamaría, como adoito para os asuntos ligados coa mocidade ou o ensino. Pero o seu eco foi moi inferior ao acadado pola intervención da nacionalista Olalla Rodil.

"É urxente a remuda xeracional; por cada dez persoas que saen da actividade agraria só entran tres"

María Ferreiro, gandeira de Curtis, vén de ser elixida como nova secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego logo de trece anos con Isabel Vilalba á fronte da organización. Conversamos con ela sobre os retos do sector primario galego e da propia organización.

"Antes dicían que o galego non valía para o rock, pero agora din que non vale para as matemáticas. Son tempos escuros"

O bravú xa ten a súa novela, un libro con moita música pero que vai máis aló. Un conxunto de historias dun fato de rapaces que dende as marxes -no barrio, na aldea- fixeron o que lles petou, o contrario do que lles dicían que había que facer, que escolleu facer rock e facelo en galego, con toda a vehemencia e a naturalidade da música popular. Falamos con Xurxo Souto sobre A novela do Bravú (Xerais)

Xurxo Souto, en concerto © Concello da Coruña

A UE insiste en deitar nos Estados a responsabilidade de vixiar os residuos nucleares do Atlántico

"Os Estados membros xa poden levar a cabo a observación de radionucleidos", di a Comisión Europea nunha nova resposta a eurodeputados do PP tras a primeira misión en décadas aos bidóns radioactivos realizada o pasado verán por Francia

En Praza.gal nunca tivemos vocación de soidade nin de sermos alleos ao mundo que nos arrodea. Por iso gustamos das colaboracións no noso traballo. Nos últimos días tivemos varias mostras, como unha reportaxe de Uxía P. Fieiras sobre a violencia sexual na República Dominicana, da man da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso). Tamén unha demorada análise Xoaquín Fernández Leiceaga e Edelmiro López Iglesias sobre o futuro da economía galega nas vindeiras tres décadas, no espazo da Revista Grial en Praza.

A violencia sexual en República Dominicana: cando as institucións fallan, a loita colectiva sostén

Violencia, impunidade e ausencia institucional marcan as vidas de miles de mulleres nun país onde o movemento feminista articula esperanza fronte ao retroceso de dereitos

Galicia 2050: As perspectivas económicas dos nosos netos 

Xoaquín Fernández Leiceaga e Edelmiro López Iglesias botan man do título da conferencia que Keynes ofreceu en Madrid en 1928 (“As posibilidades económicas dos nosos netos”) para analizar o futuro da economía galega nas tres vindeiras décadas, os seus retos, oportunidades e ameazas. Texto publicado orixinalmente na Revista Grial, resultado da iniciativa do II Foro Grial, centrado en sociedade, economía e territorio.

Colaboración con Ouké

Estas colaboracións dos últimos días no xornal únense a outra que vai alén e chega ás redes sociais da man de OU ké!, o medio ourensán concibido para achegar a política en particular e a actualidade en xeral mediante linguaxes e formatos concibidos dende a proximidade e para as xeracións máis mozas. 

Dúas informacións recentes de Praza.gal, a que detalla o Plan Municipal de Vivenda do Concello de Lugo e análise interactiva das fosas do franquismo no noso país, teñen agora tamén unha nova e coidada versión audiovisual. Son as primeiras achegas conxuntas de ambas cabeceiras, pero non as últimas.

[Lugo sobe o IBI ata o 150% a pisos baleiros de grandes propietarios e báixao aos de veciñanza que os alugue]

[Un cento de fosas comúns: o mapa do terror franquista en Galicia]

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.