Xa está aquí o verán. Xa está aquí xullo, a calor leva xa un tempiño connosco e os ritmos e os costumes vanse poñendo estivais aínda que o ritmo da actualidade este ano non sexa o habitual por mor das importantes eleccións xerais do vindeiro días 23.
Malia aos ritmos electorais seguen pasando cousas propias do verán: as festas nas nosas parroquias, os festivais, as advertencias para facer fronte á calor… E tamén a fin de tempada dalgúns programas. Por exemplo, do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao.
Neste episodio número 55 do Fálase aproveitamos para facer un pouco de memoria sobre o curso informativo que remata. Facémolo repasando algo do que vos levamos contado, tirando fíos por se queredes recuperar algúns dos episodios dos últimos meses.
Neste episodio número 55 do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal, aproveitamos a fin da tempada para facer un pouco de memoria sobre o 'curso' informativo que remata
A tempada que agora despedimos comezaba alá por setembro de 2022. Un mes, setembro, que en moitas casas é o mes de volver facer malabares para conciliar a vida persoal e familiar coa laboral. Por iso comezamos escoitando testemuños das dificultade para dar cadrado ese crebacabezas cotián.
Os papeis achados no Pazo de Meirás ou o comezo do xuízo polo accidente de Angrois a xuízo foron outros temas que nos acompañaron nun outono e comezo de inverno que foi tamén o do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige. En Praza.gal publicamos un amplo especial para lembrar aquela traxedia en todas as súas vertentes e no Fálase escoitamos voces como as dos primeiros mariñeiros que se botaron ás rías para tentar frear o chapapote. Tamén lembramos outras voces, as das enormes manifestacións da Plataforma Nunca Máis e as dos gobernos da época, con Fraga e Aznar, negando a catástrofe e rifando a quen protestaba.
O paso de Praza.gal pola Culturgal postpandémica ou o debate sobre a carencia de persoal médico acompañounos na fin de 2022 e no inicio dun 2023 con claro arrecendo electoral. Naqueles primeiros meses tentamos aclarar e explicar temas como as autorizacións de novos parques eólicos e puxemos cara e voz á enorme mobilización sanitaria que logrou encher a compostelá praza do Obradoiro no mes de febreiro. En marz, ás portas da primavera, regresamos ao xuízo de Angrois para, da man de tres xornalistas, lembrar o importante que é seguir mantendo a memoria do sucedido.
Naquela primavera tamén dedicamos minutos ao Fálase a unha curiosa coincidencia. Mentres, no Reino Unido, estouraba o escándalo despois de que a BBC retirase o seu programa ao ex-futbolista Gary Lineker por criticar un plan antiinmigración do goberno conservador (finalmente devolvéronllo), en Galicia persoal da CRTVG mobilizábase nunha nova xornada de folga para denunciar "represión" e "manipulación". No Fálase escoitamos os motivos do persoal mobilizado e tamén como o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, advertía de que a dirección non tiña intención ningunha en cambiar de rumbo.
O reparto das concesións de autobuses da Xunta entre grandes empresas que acabou sendo reprochado pola Xustiza ou a política de vivenda acompañáronnos nos programas de abril antes de que, en maio, nos puxésemos de cheo en modo electoral polos comicios municipais do 28M. Había moitos prognósticos, moitos agoiros… E despois de votar, houbo bastante intentos por encaixar o sucedido en Galicia nun suposto tsunami da dereita que aquí, cando menos nas principais institucións locais, non sucedeu.
En xuño continuamos falando de concellos e de alcaldías, pero saíndo de Galicia para atoparnos cun alcalde galego, Alfonso Gómez, o novo rexedor da cidade suíza de Xenebra, que é de Corme e que nos contou para Praza.gal a importancia de que un emigrante coma el, alí inmigrante, poida chegar a un posto tan importante. E rematamos a temporada en xuño achegándonos a unha loita que non cesa, a das Enfermeiras Eventuais en Loita, que volveron tinguir de negro o recinto feiral de Silleda para, aproveitando as oposicións do Sergas, lembrar que queda moito por facer para que o seu deixe de ser un emprego precario.
Será a principios de 2024 cando nos volvamos escoitar no Fálase de Praza.gal
Así finaliza a temporada e este é o noso resumo de algo do fundamental do que falamos, do que vos contamos nestes meses. Agora toca pausa, pechar a temporada do Fálase e agardar un pouquiño máis do habitual por unha nova. Non é por nada malo, todo o contrario, é por cousa boa. Será, se todo vai como debe, a principios de 2024 cando nos volvamos escoitar no Fálase de Praza.gal.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.