Recuperamos algúns dos principais temas que publicamos en Praza na última quincena e que se che puideron pasar entre o balbordo dos mitins
Nos quince días que durou a campaña electoral dos comicios municipais deste 28 de maio os partidos políticos aspiraron a copar o máximo protagonismo mediático posible. Pero en Praza.gal seguimos contando outras cousas, temas de relevancia dos que nesta peza recuperamos unha ducia (máis un engadido que si é electoral) para que se queres poidas ler na xornada de reflexión.
Baltar logra non ser xulgado ata despois das eleccións por delito contra a seguridade viaria por ir a 215 km/h
Non ocorreu durante a campaña electoral senón en abril, pero os seus efectos deixáronse sentir especialmente durante as dúas últimas semanas. O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, foi detectado circulando nun coche oficial un domingo a 215 quilómetros por hora, polo que terá que afrontar un xuízo penal que a poucas horas do inicio da campaña logrou adiar a despois das eleccións. Despois aínda se sabería que naquela mesma viaxe xa fora detectado unha hora antes a 173 por hora. E que familiares dun chofer seu identificáronse como condutoras dun dos seus coches oficiais detectado a 179 e 171 por hora.
O capital privado terá maioría na empresa de renovables que impulsa a Xunta, que asegura que controlará os proxectos
O Goberno galego confirmou á fin que o seu anunciado xiro político para aceptar agora a participación pública en enerxías renovables será relativo. Segundo di, a maioría privada dará “un plus de axilidade na toma de decisións” aínda que a administración terá “voto cualificado” e “mecanismos para blindar que só participe en proxectos de interese para Galicia”.
O Supremo pecha a desfeita urbanística de Barreiros cunha condena menor a unha auxiliar administrativa do Concello
Malia constatar as ilegalidades do boom construtivo de hai dúas décadas, a xustiza absolveu en 2019 o goberno local do PP e agora exculpa tamén a secretaria municipal, pero ratifica a condena dunha empregada municipal por manipular un rexistro puntual. A Barreiros dedicamos tamén un capítulo do noso podcast informativo Fálase: Barreiros, zona cero: do ladrillazo ao cambio político.
O Sergas é condenado por acoso laboral nun centro de saúde
Nas dúas últimas semanas revelamos que o TSXG censura que “pese aos escritos remitidos” por unha persoa acosada, empregada dunha subcontrata nun centro de saúde, “nin a súa empresa nin o Sergas iniciaron ningún protocolo coa fin de pescudar e determinar a situación de acoso que foi oportunamente denunciada”.
Unha "neglixencia grave" de Adif provocou un incendio forestal con feridos pero o caso queda sen condenados
Tamén revelamos que dous cargos de Adif foron xulgados por non limpar a vexetación xunto a unha liña eléctrica que provocou un incendio con feridos en 2016 en Ribas de Sil, pero a xustiza absolveunos logo de que outro compañeiro declarase que non tiñan esa competencia.
Cinco anos de Defende A Galega: máis conflito e menos medo na loita contra a "manipulación" na CRTVG
Os 'venres negros' fixeron este 25 de maio un lustro demandando o cumprimento da lei de medios e a fin do "control político" dos medios públicos. O persoal mobilizado mantén o pulso cunha dirección que afronta varias demandas por "represalias" e nega a conflitividade.
A Xunta gastou cando menos 50.000 euros na gala do Xacobeo que premiou a Ana Rosa Quintana e oculta o procedemento de elección
O Goberno galego di que coa gala de balance do Xacobeo 21-22 quería “incentivar” os premiados, entre eles Ana Rosa Quintana ou o Concello de Madrid, “a seguir condutas exemplares para os intereses públicos” pero evita concretar o custo do evento, con gastos parciais como 8.500 euros polo auditorio ou 4.400 en produtos para cóctel.
Audasa ameaza con reclamar máis de 1.000 millóns se a UE declara ilegal a prórroga da concesión da AP-9 ata 2048
Hai dez días Audasa cifrou en máis de mil millóns o que reclamará ao Estado se queda sen a concesión da AP-9 despois de que hai ano e medio a UE iniciase un procedemento de infracción contra España ao considerar que se quebrantaron as normas comunitarias ao prorrogar a concesión da autoestrada no ano 2000.
O Día das Letras celebra o seu creador: 60 anos da "festa cultural" albiscada por Don Paco
Co gallo do Día das Letras de Don Paco lembramos como o 20 de marzo de 1963 el mesmo e os tamén académicos Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo asinaban unha proposta para crear unha gran festa cívica ao redor dos "nosos libros", aprobada meses despois pola RAG.
Crises de ansiedade, adiccións, autolesións, acoso, depresión: medran as peticións para incorporar psicólogos aos institutos
Nestas dúas última semanas publicamos unha reportaxe sobre situación psicolóxica nos institutos e a necesidade de incorporar especialistas a eses centros de secundaria.
Precariedade e atención de pacientes psiquiátricos sen especialistas tensan o persoal dos centros sociosanitarios da Xunta
Tamén demos voz a enfermeiras que denuncian a súa "marxinación" a respecto do persoal do Sergas e lembran que levan anos sen cobrar compensación por traballar en festivos neste eido. O envío de doentes con problemas de saúde mental menores de 65 anos ás residencias de maiores ergue as críticas das traballadoras.
O Xeoparque do Cabo Ortegal xa é unha realidade: a UNESCO recoñece a riqueza deste espazo
Esta última semana Ortegal vén de converterse no segundo xeoparque galego, despois do do Courel, e no 16º no Estado español. Esta rede pasa a estar composta por 195 espazos de 46 países declarados como UNESCO Global Geopark.
A confirmación das eleccións europeas para o 9 de xuño de 2024 dispara de vez o debate sobre a data das galegas
Outra cousa que pasou durante esta campaña electoral que non ten que ver con esta campaña electoral pero que si vai provocar outra campaña electoral foi o anuncio desde a UE de que as próximas eleccións ao Parlamento Europeo serán o 9 de xuño do vindeiro ano. Rueda xa dixo que as eleccións galegas "non van coincidir coas xerais", previstas para finais deste ano. Así que combinando eses datos e os condicionantes legais das convocatorias debullamos os posibles calendarios electorais que afrontará Galicia en 2024.