29N Feijóo enfatiza que el é "o candidato" do PP para afirmar que "rematou" a controversia en torno aos plans da dereita para as pensións públicas. Se goberna tras o 29N, afirma, "actualizaranse as pensións conforme ao IPC" e "garantiremos o sistema público de pensións e a súa viabilidade, sen dúbida", subliña despois de que a voceira parlamentaria do partido, Ester Muñoz, proclamase que o "sistema actual" de pensións públicas "vai petar" e "hai que cambialo" con "valentía" e tras indicar o propio ex-presidente que impulsaría un "modelo viable" diferente do actual para "os mozos" futuros pensionistas. Na imaxe, Feijóo este xoves en Bruxelas, nun acto do PP Europeo. [© PP]