Luz Casal, galardón honorífico nos 10º Premios Martín Códax da Música. A artista de Boimorto recibirá o recoñecemento das músicas e músicos galegos na gala de entrega dos galardóns o vindeiro 7 de xuño en Pontevedra.
Fálase
Talgo anuncia que os seus trens Avril, que Renfe empregará na liña entre Galicia e a Meseta, entre outras, "poderán circular en servizo comercial en novembro". A empresa demorou as datas de entrega previstas polo proceso de homologación e certificación da seguridade dos trens.
O conflito do metal recrúa en Lugo, cunha terceira xornada dunha folga que vai "en aumento", segundo os sindicatos, que cifran no 100% o seguimento do paro e acusan a patronal de querer "tomarlles o pelo". Foto: CIG.
O BOE publica a Lei polo dereito á vivenda, que entrará en vigor este venres con limitacións ás subas do alugueiro e máis controis sobre ‘zonas tensionadas’.
O Constitucional desestima o recurso interposto pola Xunta para que as herdanzas en vida paguen menos impostos. O Goberno galego, en vésperas de que Feijóo dimitise como presidente pero cando xa era líder do PP estatal (na imaxe, na comparecencia na que o anunciou), considerou que impoñer tributación do IRPF nestas operacións supuña unha "dobre imposición" que era contraria á Constitución, pero o tribunal de garantías desbótao, segundo vén de facer público. Prevalece, deste xeito, a norma aprobada polo Goberno de España en 2021 pola cal se unha propiedade herdada en vida é vendida antes de cinco anos, os impostos que cómpre pagar van en función da plusvalía acumulada polo ben vendido, e non só dende que foi herdado.
Un coche atropela varias persoas que agardaban o autobús na Avenida da Florida, no centro de Vigo. Tanto o condutor do vehículo como unha das peoas tiveron que ser trasladadas ao hospital.
O PP de Lugo cuestiona o deseño dos pasos de peóns elevados na cidade e esixe adaptalos a unha norma estatal que, admite non é de obrigado cumprimento. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas (BNG) subliña que "cumpren coa normativa vixente" e, alén de censurar que "poñan en dúbida o traballo do persoal do Concello", pregúntase se "o PP quere para Lugo o modelo Baltar, poder circular a 215Km/h". "Seguiremos traballando por un tráfico calmado e a seguridade viaria", conclúe. Na imaxe -de arquivo-, Penas e Rubén arroxo visitando unha obra de peonalización.
📺Persoal da CRTVG concéntrase ante o Parlamento e reclama ao director xeral dos medios públicos a súa dimisión. Traballadores maniféstanse ante a Cámara durante a comparecencia de Alfonso Sánchez Izquierdo en comisión.
O Consello de Ministros asigna a Galicia 37,8 millóns de euros para que a Xunta mellore centros de Atención Primaria e 2,3 para atención á saúde mental no Sergas. A partida para a mellora dos centros de saúde está destinada a "novas salas de fisioterapia, radiodiagnóstico e urxencias". Na imaxe [© Pool Moncloa/Fernando Calvo], o ministro de Sanidade, José Miñones, expón a distribución destes fondos por autonomías tras o Consello deste martes.
Lourenzo Fernández Prieto ingresa na RAG como académico de número. O catedrático de Historia Contemporánea da USC ocupará a vacante de Luz Pozo Garza, finada no ano 2020. O ingreso terá lugar o vindeiro 3 de xuño nunha sesión pública no teatro Jofre de Ferrol, onde medrou o historiador nacido en Ribadeo. Fernández Prieto lerá o discurso A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977, ao que dará resposta Ramón Villares.