O BOE publica a Lei polo dereito á vivenda, que entrará en vigor este venres con limitacións ás subas do alugueiro e máis controis sobre ‘zonas tensionadas’.
Fálase
O Constitucional desestima o recurso interposto pola Xunta para que as herdanzas en vida paguen menos impostos. O Goberno galego, en vésperas de que Feijóo dimitise como presidente pero cando xa era líder do PP estatal (na imaxe, na comparecencia na que o anunciou), considerou que impoñer tributación do IRPF nestas operacións supuña unha "dobre imposición" que era contraria á Constitución, pero o tribunal de garantías desbótao, segundo vén de facer público. Prevalece, deste xeito, a norma aprobada polo Goberno de España en 2021 pola cal se unha propiedade herdada en vida é vendida antes de cinco anos, os impostos que cómpre pagar van en función da plusvalía acumulada polo ben vendido, e non só dende que foi herdado.
Un coche atropela varias persoas que agardaban o autobús na Avenida da Florida, no centro de Vigo. Tanto o condutor do vehículo como unha das peoas tiveron que ser trasladadas ao hospital.
O PP de Lugo cuestiona o deseño dos pasos de peóns elevados na cidade e esixe adaptalos a unha norma estatal que, admite non é de obrigado cumprimento. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas (BNG) subliña que "cumpren coa normativa vixente" e, alén de censurar que "poñan en dúbida o traballo do persoal do Concello", pregúntase se "o PP quere para Lugo o modelo Baltar, poder circular a 215Km/h". "Seguiremos traballando por un tráfico calmado e a seguridade viaria", conclúe. Na imaxe -de arquivo-, Penas e Rubén arroxo visitando unha obra de peonalización.
📺Persoal da CRTVG concéntrase ante o Parlamento e reclama ao director xeral dos medios públicos a súa dimisión. Traballadores maniféstanse ante a Cámara durante a comparecencia de Alfonso Sánchez Izquierdo en comisión.
O Consello de Ministros asigna a Galicia 37,8 millóns de euros para que a Xunta mellore centros de Atención Primaria e 2,3 para atención á saúde mental no Sergas. A partida para a mellora dos centros de saúde está destinada a "novas salas de fisioterapia, radiodiagnóstico e urxencias". Na imaxe [© Pool Moncloa/Fernando Calvo], o ministro de Sanidade, José Miñones, expón a distribución destes fondos por autonomías tras o Consello deste martes.
Lourenzo Fernández Prieto ingresa na RAG como académico de número. O catedrático de Historia Contemporánea da USC ocupará a vacante de Luz Pozo Garza, finada no ano 2020. O ingreso terá lugar o vindeiro 3 de xuño nunha sesión pública no teatro Jofre de Ferrol, onde medrou o historiador nacido en Ribadeo. Fernández Prieto lerá o discurso A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977, ao que dará resposta Ramón Villares.
Baltar tamén foi multado por conducir o coche oficial a 173 por hora o mesmo día en que o interceptaron a 215 km/h. Segundo revela Radio Ourense - Cadena SER, na mesma viaxe pola que o presidente do PP e da Deputación Ourense está pendente de xuízo por un delito contra a seguridade viaria ao conducir a 215 km/h na provincia de Zamora, foi interceptado superando en 53 km/h o límite na mesma autovía A-52 á altura de Allariz, polo que a súa velocidade media non puido ser inferior a 160 km/h. Na imaxe [CC BY-SA PP], José Manuel Baltar con Alfonso Rueda e o candidato do PP en Ourense, Manuel Cabezas, a pasada semana nun acto de campaña.
- AMPLIAMOS 👉 Baltar tamén foi multado por conducir o coche oficial a 173 km/h na mesma viaxe na que o interceptaron a 215
- O colapso dos bipartitos do PP en Ourense desemboca nos xulgados
- Rueda abre a campaña apoiando nun mitin a Baltar, que cre que o seu comportamento non terá custo electoral
- Baltar logra non ser xulgado ata despois das eleccións por delito contra a seguridade viaria por ir a 215 km/h
28M | O actor Luís Zahera expresa o seu apoio ao BNG para as municipais en Santiago: "Na ficción son o irmán pequerrechiño de Feijóo, na realidade quero amosar o meu apoio como alcaldesa a Goretti Sanmartín, porque creo que lle pode dar unha volta a Compostela e unha muller sempre vai facer moi ben as cousas", di nun vídeo divulgado polo Bloque a través das redes sociais.
A Xunta adxudica por 32,5 millóns de euros a construción da primeira fase da ampliación da súa sede central de San Caetano, en Santiago. O contrato, encomendado a dúas filiais de Acciona e cuxo custo o Goberno galego estimara inicialmente en algo máis de 20 millóns, comprende construír os "os dous primeiros módulos do edificio, cunha superficie útil de máis de 12.000 m²" nos terreos da antiga estación de autobuses compostelá, xa derrubada. Ao contrato tamén optaran unha unión temporal da Constructora San José e Extraco, outra UTE de OHL con Citania e mais Copasa. As obras de reforma e ampliación de San Caetano superan xa os 100 millóns de euros. Na imaxe, recreación da futura 'Cidade de San Caetano'.
- HEMEROTECA | A Xunta suma outros oito millóns de euros ao custo das obras na súa sede central, que supera xa os cen
- HEMEROTECA | A remodelación de San Caetano superará os 70 millóns de euros unha década despois de que o PP a empregase como arma política
- HEMEROTECA | As obras na Xunta (agora) non fan ruído