Morre un bombeiro en Vigo tras o derrubamento dun edificio no que estaba a realizar unha revisión rutineira na Avenida de Beiramar. O traballador, de 49 anos, levaba dúas décadas no corpo de bombeiros da cidade. O Concello de Vigo decretou dúas xornadas de loito.
Fálase
O Festival de Cans chega á súa intensa derradeira xornada, que contará coa presenza de David Trueba e os concertos de Su Garrido Pombo, Grande Amore, Nat Simons, Escuchando Elefantes e The Rapants e na que se entregarán os premios do certame.
Este venres a protagonista foi María Vázquez, que deixou a súa pegada no Torreiro das Estrelas e recibiu o Premio Pedigree de Honor. A actriz galega estivo acompañada pola vicepresidenta Yolanda Díaz e polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun.
A Corte Internacional de Xustiza ordena a Israel que deteña a súa ofensiva sobre Rafah. Israel non logrou convencer o tribunal das medidas que di que adoptou para mellorar a seguridade dos civís na franxa de Gaza. [Imaxe: Mohammed Hinnawi, UNRWA]
A tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo, galardoada co Premio de Honra Dolores Ben, que entrega a AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e que chega á súa terceira edición. Nacida en Mazaricos, como tradutora ten no seu haber numerosos traballos tanto para televisión coma para cine. Como asesora e supervisora lingüística colaborou en numerosas sesións de dobraxe para televisión e cine, así coma na rodaxe de diversos programas de entretemento e series televisivas, como é o caso de Mareas Vivas, Fariña ou El caso Asunta. A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 18 de xuño.
O Festival de Cans comeza oficialmente este xoves coa procesión de chimpíns e a proxección da película Alumbramiento, do director catalán Pau Teixidor, protagonizada por Sofía Milán e coa actriz galega María Vázquez no reparto. Para pechar a xornada celebrarase a Noite Lasal, na que se elixirá o mellor videoclip musical galego do ano, un evento precedido do concerto de Hydn. Este xoves, ademais, o protagonismo foi para O Corno, coa presenza da súa directora, Jaione Camborda, e a actriz Janet Novás, veciña de Cans e galardonada cun Premio Goya na última edición.
O primeiro ministro do Reino Unido, Rishi Sunak, convoca eleccións xerais para o vindeiro 4 de xullo. Múltiplas enquisas apuntan a que eses comicios suporán a perda do Goberno para os Conservadores e o regreso dos Laboristas ao poder 14 anos despois, agora liderados por Keir Starmer. É o contexto electoral tras un turbulento mandato que comezou cunha ampla vitoria de Boris Johnson en 2019, continuou en co breve mandato de Liz Truss e culmina despois dun período de menos de dous anos con Sunak á fronte do Goberno [Imaxe: CC BY-NC-ND UK Parliament]
As Tanxugueiras interpretarán o himno galego no regreso da selección masculina de fútbol, o vindeiro día 31 fronte a Panamá en Balaídos. Así o veñen de confirmar elas mesmas e mais a Federación Galega de Fútbol. [Imaxe: © Rocío Cibes]
A triatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio tamén é unha Barbie "que rompe barreiras". A empresa Mattel, responsable da popular boneca, produce unha serie conmemorativa dedicada a nove deportistas entre as que se atopa a campiona paralímpica galega. A intención da iniciativa, di Mattel, é "animar as mozas a facer deporte e recoñecer todo o seu potencial". De Susana Rodríguez destacan, ademais dos seus éxitos deportivos, a súa formación como médica e o seu traballo na pandemia, o que lle valeu ser distinguida na capa da revista Time. Susana Rodríguez recibiu o pasado 2023 a Medalla Castelao. [Imaxe: © Mattel]
- HEMEROTECA | A casa de Barbie en Lugo
Pedro Sánchez anuncia no Congreso que España recoñecerá o Estado palestino o vindeiro martes, 28 de maio. O presidente di que é hora de cumprir o "mandato" da declaración que aprobou a Cámara Baixa en 2014 reclamando ese recoñecemento.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) esixe "respecto á memoria literaria e persoal das persoas homenaxeadas nas Letras Galegas" e expresa a súa "oposición a calquera intento de manipulación ou distorsión" de Luísa Villalta, de quen reivindican "a lectura atenta da súa obra posta, integramente, a disposición de todos e todas". Para facelo, engaden, recuperan un artigo n'A Nosa Terra tras o día das Letras de 2003 [pódese ler nesta ligazón, na páxina 34] baixo o título Para que serven os libros escrito pola propia Villalta que, lembran, foi parte do Consello Directivo da AELG entre 1993 e 2002.