As Tanxugueiras interpretarán o himno galego no regreso da selección masculina de fútbol, o vindeiro día 31 fronte a Panamá en Balaídos. Así o veñen de confirmar elas mesmas e mais a Federación Galega de Fútbol. [Imaxe: © Rocío Cibes]
Fálase
A triatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio tamén é unha Barbie "que rompe barreiras". A empresa Mattel, responsable da popular boneca, produce unha serie conmemorativa dedicada a nove deportistas entre as que se atopa a campiona paralímpica galega. A intención da iniciativa, di Mattel, é "animar as mozas a facer deporte e recoñecer todo o seu potencial". De Susana Rodríguez destacan, ademais dos seus éxitos deportivos, a súa formación como médica e o seu traballo na pandemia, o que lle valeu ser distinguida na capa da revista Time. Susana Rodríguez recibiu o pasado 2023 a Medalla Castelao. [Imaxe: © Mattel]
- HEMEROTECA | A casa de Barbie en Lugo
Pedro Sánchez anuncia no Congreso que España recoñecerá o Estado palestino o vindeiro martes, 28 de maio. O presidente di que é hora de cumprir o "mandato" da declaración que aprobou a Cámara Baixa en 2014 reclamando ese recoñecemento.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) esixe "respecto á memoria literaria e persoal das persoas homenaxeadas nas Letras Galegas" e expresa a súa "oposición a calquera intento de manipulación ou distorsión" de Luísa Villalta, de quen reivindican "a lectura atenta da súa obra posta, integramente, a disposición de todos e todas". Para facelo, engaden, recuperan un artigo n'A Nosa Terra tras o día das Letras de 2003 [pódese ler nesta ligazón, na páxina 34] baixo o título Para que serven os libros escrito pola propia Villalta que, lembran, foi parte do Consello Directivo da AELG entre 1993 e 2002.
Hoxe comeza o Festival de Cans coa homenaxe a Dolores Ben ou proxección do documental Acordamos, dirixido por Uxía Senlle e Lucas Terceiro, que lembra os proxectos pioneiros que funcionaron en Galicia durante a Segunda República. A 21ª edición do certame celebrarase ata o 25 de maio con David Trueba, María Vázquez ou Kepa Junkera como protagonistas dunha cita na que se verá o filme As Neves de Sonia Méndez, Alumbramiento de Pau Teixidor e na que se estreará a sección Cineherdanzas, que descubrirá por vez primeira o legado fílmico de Carlos Asorey
O primeiro tren Avril que sae de Galicia, que partiu de Vigo vía Santiago, demora dúas horas e 10 minutos en Ourense sen que Renfe informe do motivo do problema. A primeira hora da mañá unha incidencia na sinalización de Adif xa afectara á circulación na entrada a Ourense desde Santiago.
Jácome di que "non volverá convocar a oposición a a ningunha Xunta de Portavoces no que resta de mandato" porque "o que fan é marear a perdiz, non din nada e bloquean os asuntos". Nun comunicado oficial do Concello de Ourense, o alcalde di que toma a decisión despois de que, neste órgano, PSdeG e BNG "non se pronunciasen sobre as propostas que lles trasladara a semana pasada de eliminar a ORA e valorar a posible entrada de novos accionistas no Club Ourense Baloncesto".
Rueda mantense equidistante no conflito entre España e Arxentina polo ataque de Milei a Sánchez. O presidente da Xunta di que non lle gusta a "estratexia de confrontación probablemente buscada por ambas partes en beneficio propio e amosa a súa preocupación polos "efectos sobre o que lle interesa a Galicia" en Arxentina.
A xustiza británica dá a razón a Assange, que poderá abrir un novo proceso de apelación para evitar a súa extradición aos Estados Unidos. O Alto Tribunal de Londres ditamina que o australiano podería non recibir a protección que ofrece a Primeira Emenda polo feito de ser australiano e non estadounidense. De completarse a extradición, o director de WikiLeaks enfrontaríase a unha condena de 175 anos de prisión nos EUA pola filtración en 2010 de 700 mil documentos militares e diplomáticos estadounidenses confidenciais que amosaban e demostraban violacións de dereitos humanos (especialmente na Guerra de Afganistán) e escándalos de corrupción.
O fiscal xefe do Tribunal Penal Internacional solicita ordes de detención para o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu; o seu ministro de Defensa, Yoav Gallant, e tres líderes de Hamás por "crimes de guerra e crimes contra a humanidade". Na imaxe [©Tribunal Penal Internacional], Karim Khan, fiscal xefe do Tribunal Penal Internacional, anunciando a decisión.
- Concellos e deputacións galegas achegan axuda humanitaria a Gaza a través da UNRWA
- Peche indefinido por Palestina na Universidade de Santiago
- "A resistencia en Gaza é o único que queda porque non teñen armas, nin exército, nin apoio político ou económico"
- A solidariedade galega con Palestina non cesa, agora cunha campaña viral que leva a protesta ao espazo público