Pedro Sánchez confirma 211 vítimas mortais e pide "esquecer as diferenzas, poñer as ideoloxías e as diferenzas territoriais a un lado" para colaborar na crise provocada pola Depresión Illada en Niveis Altos (DINA), coa "inundación máis grave que viu o continente europeo no que vai de século". O presidente do Goberno de España asegurou que "non se trata de que a administración xeral do Estado suplante á autonómica" e avanzou que se duplicará desde este sábado o número de efectivos policiais ata chegar aos dez mil profesionais, así como a presenza do exército, que foi solicitada pola Generalitat e que esta fin de semana levará cinco mil militares máis ata as zonas afectadas. O Consello de Ministros aprobará o martes a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil para a Comunitat Valenciana, Andalucía e Castilla-La Mancha. [📸Ministerio de Defensa]
