Rueda recibe da Fundación Amancio Ortega a terceira das 7 residencias de maiores que Feijóo prometeu en 2017. O presidente di que o centro de Pontevedra, con 120 prazas, "comezará a recibir residentes no primeiro semestre de 2025".
Fálase
🔴 Máis de medio cento de persoas mortas na Comunitat Valenciana como consecuencia do forte temporal. O Goberno de España activou a pasada noite un comité de crise "ante as graves consecuencias" das fortes chuvias, que requiriron despregar a Unidade Militar de Emerxencias tanto para rescates e evacuacións, entre outros labores. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofreceu "toda a axuda que precisen" tanto ás autoridades valencianas como ao Goberno de Castilla-La Mancha, onde a provincia de Albacete tamén está afectada polo temporal con cando menos 6 persoas desaparecidas. [Imaxe: Emergències 112CV]
A Real Academia Galega celebrou este martes unha xornada de homenaxe a Nélida Piñón, académica de honra e unha das grandes autoras brasileiras do século XX, con raíces en Cotobade, finada hai dous anos. “En Nélida Piñon a escritura vence a morte”, salientou a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do encontro, no que tamén participaron Karla da Silva, compañeira de Nélida, e Antonio Maura, estudoso da súa obra.
Manuel Rivas gaña o Premio Nacional das Letras que concede o Ministerio de Cultura. O xurado destaca a "extraordinaria calidade narrativa" do autor nunha "traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega". "Poucos autores, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial", agregan. O pasado setembro en Praza.gal conversamos con Manuel Rivas ao fío da súa última novela, Tras do ceo. [Imaxe: CC BY-NC-SA Praza.gal]
Yolanda Díaz recoñece que Sumar chegou “tarde” no caso Errejón, asegura que a única maneira de amañalo é “facéndoo moito mellor” e incide en que non tivo coñecemento dos feitos ata a noite do pasado martes. “Se chego a sabelo antes tería actuado coa mesma contundencia”, afirmou
“Estase creando unha nova cultura política que xa non tolera a impunidade. O feminismo e as mulleres cambiaron este país a mellor”. Estas foron as reflexións iniciais da vicepresidenta segunda do Goberno de España e líder de Sumar, que animou a todas as mulleres a denunciar as violencias machistas. “Cando falamos de que o persoal é político referímonos a isto: exemplaridade na vida pública e tamén na privada”, sentenciou este luns desde o Congreso para engadir que “hai que rematar coa cultura da impunidade”.
O persoal mobilizado dos medios públicos galegos cumpre dez días de folga que volveron notarse na interrupción da emisión na TVG e nunha concentración en Vigo, onde ademais de reclamar o freo da externalización da produción denunciaron o "desmantelamento" das delegacións territoriais "que impide a axeitada cobertura informativa" de todo o país. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acompañou os traballadores e traballadores na concentración ás portas da central da CRTVG en San Marcos e animounos a volver intentar que a súa loita chegue a Bruxelas.
O BNG pide ampliar a moratoria de plantación de eucaliptos que remata dentro dun ano e a conselleira de Medio Ambiente di que "é demasiado cedo" para decidilo. A moratoria -implantada en 2021 pero limitada a zonas nas que aínda non había eucaliptos, non para replantalos- remata a finais de 2025 e a Xunta asegura que daquela "tomarase a determinación necesaria".
Morre Ana Messuti (Bos Aires, 1946), unha das avogadas na querela arxentina contra os crimes do franquismo iniciada en 2010. Doutora en Dereito e ex-funcionaria da ONU, Messuti recibiu hai uns meses unha homenaxe pública en Madrid. Nesta entrevista con Praza.gal reclamaba que "non se pode seguir enarborando a Transición para frear a querela contra os crimes do franquismo" e concluía: "mentres haxa quen pida xustiza, isto non vai rematar"
Esta noite cambia a hora. Ás 3 volverán ser as 2 para entrar no horario de inverno, de xeito que amencerá unha hora antes e tamén se porá o sol unha hora máis cedo. Este luns, por exemplo, o sol sairá en Galicia ás 8:03 e desaparecerá por completo ás 18:32.
Israel bombardea Irán. O ataque israelí desta madrugada estivo centrado en obxectivos militares, evitando instalacións petrolíferas, como solicitaba EUA e moitos dos mísiles foron interceptados polas defensas antiaéreas. O goberno iraniano promete unha “reacción proporcional”.