Vinte en Vilalba. «Aquí ves futuro porque o hai». A capital da Terra Chá é a primeira parada de Vinte na vila, o novo espazo de VINTE concibido para contarnos máis e mellor a nós mesmas e entre nós

Vinte en Vilalba. «Aquí ves futuro porque o hai». A capital da Terra Chá é a primeira parada de Vinte na vila, o novo espazo de VINTE concibido para contarnos máis e mellor a nós mesmas e entre nós
Acordo PSOE-PP para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial tras máis de cinco anos de bloqueo. Ambas formacións pechan o pacto coa intermediación da Comisión Europea, que vén urxindo o desbloqueo, e acordan tamén tramitar unha reforma legal no Congreso en materia de "independencia" xudicial, así como nomear un novo membro do Constitucional a proposta dos populares. Entre as incorporacións ao órgano de goberno da xudicatura estará José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo de Galicia a proposta do PP dende 2014. Na imaxe, sede do Consello do Poder Xudicial, que agora é renovado
Bichara Khader, profesor e experto en relacións euro-árabes, é recibido polo Concello de Santiago e presenta o seu libro Palestina, a traxedia permanente ás 18 horas deste martes na Facultade de Xeografía e Historia. O libro foi editado en galego polo Igadi, organizador de varios actos con Khader en Santiago en colaboración coa USC e a Fundación Araguaney.
O pleno do Concello de Santiago aproba a ordenanza que completa a limitación de pisos turísticos cos votos en contra do PP. O grupo municipal socialista no Concello anunciou no pleno que votaría a favor, en contra da dirección marcada polo partido en Compostela, e uniuse á proposta de BNG e Compostela Aberta. “Hoxe decidimos ser leais e consecuentes. Leais coa cidade, cos veciños, co que defende o PSOE en España e en Galicia e co que defendemos sempre estes concelleiros. Debemos ser consecuentes co que fixemos e coherentes co que dicimos”, defendeu a concelleira socialista Mercedes Rosón.
A Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia pasa a denominarse oficialmente só en castelán: Vaca Gallega-Buey Gallego. A Consellería de Medio Rural completou a pasada semana a mudanza coa publicación da correspondente orde no DOG, onde indica que "no proceso de tramitación" desta IXP ante a Comisión Europea "houbo dificultades técnicas para que a denominación a inscribir fose Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia", vixente dende 2017, polo que durante o proceso "houbo que cambiala" pola definitiva só en castelán. A nova IXP está promovida polo Consello Regulador Ternera Gallega, que tamén se identifica unicamente en castelán. O BNG, a través do seu deputado Secundino Fernández, cualifica a remuda como "vergoñenta". Na imaxe, o logotipo orixinal da IXP e o novo, segundo foron publicados no DOG -no caso do novo, con fonte de letra diferente á que vén empregando a propia IXP-.
Falece José María Caneda, histórico ex-presidente da SD Compostela, aos 77 anos por mor do cancro que padecía. Caneda encabezou o club compostelán dende finais dos anos 80 do século pasado e liderouno na súa época de maior éxito, co ascenso á Primeira División na temporada 1993-94 e a permanencia nesta categoría durante catro campañas. A actual dirección do club despídeo agradecéndolle "facer realidade o soño da nosa cidade". "Sempre estarás nos nosos corazóns", engaden. Na imaxe, Caneda durante un acto institucional en 2009.
Xa se coñece o cartel da manifestación do vindeiro domingo 30 que chama a "arrodear a Xunta ao berro de Altri Non", convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. A cita é ás 12 horas no Complexo de San Caetano.
Morre o sindicalista ourensán Xosé Gómez, un dos fundadores do sindicato de Comisións Obreiras en Galicia. Foi delegado no I Congreso Nacional de CCOO de Galicia, celebrado en 1978 e entre 2002 e 2008 foi secretario xeral das CCOO de Ourense. Amelia Pérez -secretaria xeral de CCOO-Galicia- destacou que Gómez "participou en todos os conflitos e mobilizacións da provincia de Ourense no último medio século"
O modelo turístico "desexable" é o que se desenvolve "dende a preservación do comercio tradicional e as súas relacións coa poboación local", conclúe a Rede Galabra da USC nun informe presentado este venres. Os comerciantes composteláns aseguran que a súa clientela segue a ser maioritariamente local e é esta tamén a clientela máis desexable. A presentación deste informe produciuse nunha semana na que o Goberno local de Santiago anunciou a limitación da apertura de tendas de souvenirs para "protexer e fomentar o comercio de proximidade", nunha medida apoiada por unha boa parte do comercio da zona vella.
Marilar Aleixandre, distinguida co Premio Luís Porteiro Garea "polo seu compromiso coa lingua galega no ensino das ciencias". A escritora e catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais e profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago recibe o premio, organizado pola USC, con "enorme alegría" porque implica recoñecer que "a lingua galega pode e debe ser utilizada no ensino das ciencias, e empregala supón establecer un modelo para o alumnado que conformará as vindeiras xeracións de docentes". [Imaxe: © Santi Alvite / USC]