A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou ao Goberno do Estado, á Xunta e a Stellantis "colaboración e compromiso" para que Galicia non quede excluída do denominado polo Ministerio de Industria PERTE do vehículo eléctrico e conectado, na súa visita á fábrica en Vigo este xoves.
"Preocúpanos que o PERTE da automoción deixe fora a unha empresa tan importante para o noso país como Stellantis e, por iso, pedimos colaboración entre o Goberno central e a Xunta para garantir o acceso a eses fondos, porque o único que temos son boas palabras pero iso non chega para evitar que Galicia quede discriminada nun dos PERTES máis importantes que ten en marcha o Estado", argumentou Pontón, quen considerou importante que a propia Stellantis "faga unha aposta estratéxica" por Galicia.