A Xunta suspende as clases de todos os niveis educativos polas nevaradas este venres, 23 de xaneiro, en toda a provincia de Ourense, nas zonas montaña, sur e centro de Lugo e no interior de Pontevedra. Nesta ligazón pódense consultar os concellos incluídos en cada zona. O Goberno galego encadra a decisión na alerta laranxa pola neve para unha xornada na que será de nivel vermello por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra; por este motivo, suspende tamén "as actividades no exterior dos centros educativos das zonas noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, na Mariña de Lugo e nas zonas de Rías Baixas e Miño na provincia de Pontevedra", informa a Consellería da Presidencia. Na imaxe, os avisos meteorolóxicos de MeteoGalicia para mañá, venres 23.