Achados nos xulgados de Lugo, cinco anos despois, os expedientes dos que depende o posible arquivo das últimas acusacións da 'Operación Pulpo' que pesan sobre José Ramón Gómez Besteiro, ex-secretario xeral do PSdeG. Trátase dunha investigación lanzada pola xuíza Pilar de Lara, despois sancionada, referida á súa etapa como presidente da Deputación de Lugo. É unha información do xornal El Progreso. Na imaxe, Besteiro en 2016 [CC BY-SA Praza.gal]
Fálase
A conselleira de Medio Ambiente reivindica a caza do lobo en León xunto á voceira do PP, Concepción Cuca Gamarra e outros membros da directiva de Feijóo. Tras varios reveses xudiciais sufridos polo Goberno galego e outros executivos dos populares fronte á orde estatal que aumenta a protección desta especie, os populares aseguran que a medida só obedece a unha "política errónea e ideolóxica de persecución ao gandeiro". Ángeles Vázquez acudiu á visita a Burón (León) na súa calidade de membro da xunta directiva estatal do PP. [Imaxe: © PP]
A plataforma de empresarios do transporte por estrada que impulsou o paro do sector a pasada primavera convoca outro a partir do vindeiro día 14. Na imaxe, escolta policial para un convoi de camións durante a devandita mobilización, en marzo deste ano.
O DOG publica os dous días festivos que terá en 2023 cada concello galego a maiores dos doce que haberá en todo o país.
Morre aos 83 anos Vicente Couce, un dos curas ‘vermellos’ de Ferrol, encarcerado pola ditadura. Couce foi xulgado polo Tribunal de Orden Público (TOP) por asistir a "reuniones de una organización laboral declarada ilegal", solicitar fondos na misa para apoiar aos obreiros que foran detidos e por realizar "propaganda ilegal" ao editar "300 ejemplares a multicopista de un folleto de carácter extremista”.
- HEMEROTECA | Os curas do cinto vermello de Ferrol, contra Franco
- HEMEROTECA | Unha ducia de cregos cos pés na terra
Traballadoras dos servizos de axuda no fogar, en folga indefinida, maniféstanse en Santiago en reclamación dun “convenio digno”. A CIG asegura que os paros están a ter un seguimento do 80% nas súas primeiras xornadas.
Gonzalo Navaza ingresou este sábado na Real Academia Galega cun discurso sobre os nomes de persoa na toponimia do seu Lalín natal. O escritor e tradutor ocupa a vacante producida pola morte o pasado ano do historiador Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG durante case unha década.
Unha manifestación volve reclamar na Coruña a devolución ao patrimonio público da Casa Cornide, en mans da familia Franco. [Imaxe: Marea Atlántica]
Ana Pontón e a líder do Sinn Fein, Mary Lou McDonald, defenden unha saída social e xusta á crise de prezos. A portavoz nacional do BNG asiste en Dublín, xunto coa eurodeputada Ana Miranda, ao congreso do partido irlandés co que a formación nacionalista mantén unha "fluída" relación política. Tras a súa reunión, Pontón e McDonald apostan por antepoñer as persoas aos lobbies económicos, preservar unhas condicións laborais dignas e reforzar servizos públicos e protección social.
Edís de Alternativa dos Veciños, PP e PSdeG presentan unha moción de censura contra o alcalde de Sada, Benito Portela (Sadamaioría). De ter éxito, a voceira de Alternativa dos Veciños, María Nogareda, actual concelleira de Educación, converteríase na nova alcaldesa a seis meses das eleccións municipais, despois de sinalar hai unhas semanas que daba por "roto" o actual acordo de Goberno con Sadamaioría e BNG. A presentación da moción de censura fíxose sen o coñecemento das direccións de Alternativa dos Veciños e PSdeG, segundo informa La Opinión.
O BNG reclama que "con carácter inmediato" PP, PSOE e Alternativa dos Veciños declaren "tránsfugas" aos seus representantes como "único xeito verificábel de constatar a súa oposición á moción de censura" anunciada en Sada. Pola súa banda, o PSOE provincial da Coruña desautoriza dita moción de censura e anuncia que tomará "medidas disciplinarias" contra os edís que a subscriban, "unhas medidas que suporían a súa expulsión do Partido Socialista".