Falece Celeste Caeiro, a muller que virou os caraveis en símbolo da revolución portuguesa [Imaxe: Almada TV]
Fálase
O comité de folga da CRTVG denuncia que "a dirección aumenta as coaccións ao cadro de persoal para que a ausencia do seu posto de traballo non interfira na emisión do programa O Termómetro". Coa deste venres son xa dezaoito as xornadas nas que o programa non saíu ao aire na TVG, non chegando a emitirse na súa integridade dende este luns. O comité, que vén manifestando a negativa da directiva dos medios de comunicación públicos galegos a dialogar coa representación do persoal, critica a "actitude coercitiva" cara ás traballadoras e traballadores que están secundando esta folga indefinida.
Gonzalo Hermo gaña o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía da Deputación coa obra Un xesto de ternura porque "ofrece unha experiencia poética completa, cunha estrutura ben meditada, que conxuga a beleza da palabra coa profundidade do pensamento", segundo salienta o xurado, formado polas poetas Yolanda Castaño, Pablo Otero Rodríguez, Míriam Ferradáns, Samuel Merino e Oriana Méndez. O poemario gañador "propón unha poesía introspectiva e depurada, onde a linguaxe rica e evocadora se achega á súa forma máis pura, eliminando excesos e retóricas para lograr unha obra de precisión sensorial". O poeta de Taragoña (Rianxo) foi distinguido co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova en 2015 polo poemario Celebración (Apiario), entre outros galardóns.
O Supremo confirma a condena do PP por reforma a súa sede central con cartos da súa caixa b. O tribunal ratifica o fundamental da sentenza da Audiencia Nacional pero reduce lixeiramente as penas aos tres condenados, entre os que está o ex-tesoureiro Luis Bárcenas, por dilacións indebidas. Na imaxe, unha celebración dunha noite electoral na sede da rúa Génova de Madrid.
A revista Luzes organiza este sábado ás 12 no Liceo de Ourense a súa III Xornada Tecendo Xornalismo, cunha mesa redonda arredor das fake news. Participarán Jesús Maraña, director editorial de infoLibre, Víctor Sampedro, autor do libro Voces del 11M, e David Reinero, xornalista de Praza.gal.
O xuíz decreta o ingreso en prisión do detido pola morte de Estela Blach en Baiona, investigado por un delito de homicidio ou asasinato, a determinar durante a instrución, e por outro de quebrantamento de medida cautelar. O home, detido seis días despois do crime, acolleuse ao seu dereito a non declarar.
Confirmado o achado da foxa común de vítimas dos golpistas no cemiterio naronés do Val. O equipo liderado por Histagra localiza "inequivocamente, como mínimo" restos de "catro individuos en posición non funeraria, indicando con claridade que se trata dun enterramento clandestino" e outros sete "en posicións aparentemente funerarias, e todos, salvo un deles, no que parecen observarse sinais de violencia no cranio". "Non é posible avanzar mais sen exhumar o que queda debaixo dos nichos, considerando que se traballou ata onde se puido", explican. [Imaxe: Histagra]
O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) acolle este venres, na súa sede de Gondomar ás 20 horas, un debate sobre Os medios e o poder no que intervirán Luís Álvarez Pousa, director de Tempos Novos, Inma López Silva, escritora, e David Reinero, xornalista de Praza.gal.
Publicados no DOG os festivos locais de todos os concellos galegos para 2025. Engádense aos festivos de ámbito galego (o Día das Letras -17 de maio- e o Día Nacional -25 de xullo-) e aos de ámbito estatal -na imaxe-.
- MAPA INTERACTIVO | Os festivos locais de cada concello en 2025
A xuíza acusa de homicidio e envía a prisión provisional comunicada e sen fianza a dous dos tres detidos pola morte dun comerciante da Praza de Abastos de Santiago o pasado martes. O terceiro detido foi posto en liberdade e sobre el non pesan medidas cautelares xa que, segundo confirman fontes xudiciais, actualmente non existen indicios da súa implicación na morte do home. Na imaxe, concentración na memoria da vítima, horas despois dos feitos [© Concello de Santiago]