A Universidade de Vigo elixe este mércores a súa nova reitora ou reitor entre as candidaturas de Carmen García Mateo, Belén Rubio e Jacobo Porteiro. Ademais, renova o seu Claustro. As votacións comezan ás dez da mañá e pecharanse ás seis da tarde. O voto, como é habitual, é ponderado, con maior peso para o profesorado doutor con vinculación permanente. Están chamadas ás urnas 21.226 persoas: 18.253 estudantes; 2207 docentes e 766 PTXAS. Non hai voto electrónico, pero a Uvigo convértese hoxe na primeira universidade do Estado en facilitar o voto accesible en braille.
O reconto poderá seguirse a través desta web, na que tamén se informará dos avances de participación, ás 13 e ás 16 horas. Se ningunha das candidaturas obtén máis da metade dos votos, haberá unha segunda volta o 15 de maio entre as dúas con máis apoios. De ser escollida unha muller, a Uvigo elixiría a primeira reitora da súa historia, como fixo hai unhas semanas a USC.