Feijóo dimite como presidente do PPdeG tres días antes de ser nomeado presidente do PP estatal por seren cargos incompatibles. Divulgouno na súa conta de Twitter, na que di que "foi unha honra" e que mantén "o orgullo de seguir sendo militante na terra que mo deu todo". A renuncia será efectiva o día 1 a á fronte do partido queda o seu secretario xeral, Miguel Tellado, ata que se elixa un novo presidente.
Fálase
O IPC dispárase en marzo ata o 9,8% no Estado, a súa taxa máis alta en 37 anos. O incremento débese ás subas "xeneralizadas", sobre todo nos prezos da electricidade, carburantes e alimentos.
O BOE publica as axudas aprobadas polo Consello de Ministros para afrontar a crise de prezos, que inclúen o desconto de 20 céntimos por litro de combustible dende o venres e a limitación temporal das subas dos alugueiros de vivenda, entre outras medidas. Pódese consultar o texto íntegro nesta ligazón. Na imaxe [© Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa], as vicepresidentas Calviño, Díaz e Ribera expoñendo os contidos do Real Decreto.
Feijóo reitera que a súa dimisión como presidente da Xunta se producirá "a partir de abril". A vindeira fin de semana será proclamado novo líder do PP. Dende que esa dimisión se produza, a remuda na presidencia do Goberno galego ten que producirse nun máximo dun mes.
Falece un dos operarios feridos nun accidente na refinería Repsol da Coruña. O home, de 35 anos, sufrira graves feridas tras o sinistro do pasado sábado. Compañeiros concentráronse hoxe ante a fábrica pedindo "menos urxencia na produción e máis présa na prevención".
O congreso do PP que dende o vindeiro venres aclamará a Feijóo como novo líder incluirá un espazo de homenaxe a Aznar, que pronunciará un discurso ao mesmo nivel que Rajoy e que o defenestrado Pablo Casado na súa condición de presidente saínte. É unha información de El Periódico de España. Na imaxe de arquivo, Feijóo nun acto da FAES con Aznar, en cuxo Goberno ocupou altos cargos como presidente do Insalud e de Correos entre 1996 e 2003.
Pedro Sánchez avanza unha bonificación de 20 céntimos por litro de combustible (15 céntimos de fondos públicos, 5 das petroleiras) e un incremento da contía do Ingreso Mínimo Vital dentro das medidas contra a crise de prezos que aprobará este martes o Consello de Ministros, paquete que cifra nuns 16.000 millóns de euros (6.000 en axudas, 10.000 en créditos ICO) ata finais de xuño. Avanzouno durante un discurso ante representantes de grandes empresas organizado pola axencia Europa Press. [Imaxe: Pool Moncloa / Fernando Calvo]
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, augura un PP de Galicia "orfo" coa marcha de Feijóo, cuxa substitución augura "difícil". Nunha entrevista na Cadena SER, o xefe do lexislativo considera que o "sacrificio" do aínda titular do Goberno galego responde a un "ben superior". Na imaxe, Santalices durante unha entrevista con Praza.gal ao comezo da actual lexislatura.
Remata un axustadísimo derbi galego de baloncesto coa vitoria do Breogán fronte ao Obradoiro. Con 80-78 no marcador do Pazo dos Deportes de Lugo. Desde o Obradoiro recoñecen que foi un partido “moi igualado”, pois o resultado estivo no aire case ata a última xogada. [Na imaxe, xogadores do CB Breogán]
As Tanxugueiras comezan a Xira Midas esta noite na Coruña. Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro presentan na Sala Pelícano un espectáculo que aúna a enérxica sonoridade das pandeiretas coa música electrónica, cun especial protagonismo das súas tres voces. A percusión, os ritmos urbanos e o baile tradicional estarán presentes nos seus directos, nos que non faltarán cancións como 'Terra' e outras inéditas que formarán parte do seu terceiro disco. A banda xa ten confirmadas 34 datas, e ás que se sumarán anuncios de novos concertos nos vindeiros días.