Falece un dos operarios feridos nun accidente na refinería Repsol da Coruña. O home, de 35 anos, sufrira graves feridas tras o sinistro do pasado sábado. Compañeiros concentráronse hoxe ante a fábrica pedindo "menos urxencia na produción e máis présa na prevención".
Fálase
O congreso do PP que dende o vindeiro venres aclamará a Feijóo como novo líder incluirá un espazo de homenaxe a Aznar, que pronunciará un discurso ao mesmo nivel que Rajoy e que o defenestrado Pablo Casado na súa condición de presidente saínte. É unha información de El Periódico de España. Na imaxe de arquivo, Feijóo nun acto da FAES con Aznar, en cuxo Goberno ocupou altos cargos como presidente do Insalud e de Correos entre 1996 e 2003.
Pedro Sánchez avanza unha bonificación de 20 céntimos por litro de combustible (15 céntimos de fondos públicos, 5 das petroleiras) e un incremento da contía do Ingreso Mínimo Vital dentro das medidas contra a crise de prezos que aprobará este martes o Consello de Ministros, paquete que cifra nuns 16.000 millóns de euros (6.000 en axudas, 10.000 en créditos ICO) ata finais de xuño. Avanzouno durante un discurso ante representantes de grandes empresas organizado pola axencia Europa Press. [Imaxe: Pool Moncloa / Fernando Calvo]
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, augura un PP de Galicia "orfo" coa marcha de Feijóo, cuxa substitución augura "difícil". Nunha entrevista na Cadena SER, o xefe do lexislativo considera que o "sacrificio" do aínda titular do Goberno galego responde a un "ben superior". Na imaxe, Santalices durante unha entrevista con Praza.gal ao comezo da actual lexislatura.
Remata un axustadísimo derbi galego de baloncesto coa vitoria do Breogán fronte ao Obradoiro. Con 80-78 no marcador do Pazo dos Deportes de Lugo. Desde o Obradoiro recoñecen que foi un partido “moi igualado”, pois o resultado estivo no aire case ata a última xogada. [Na imaxe, xogadores do CB Breogán]
As Tanxugueiras comezan a Xira Midas esta noite na Coruña. Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro presentan na Sala Pelícano un espectáculo que aúna a enérxica sonoridade das pandeiretas coa música electrónica, cun especial protagonismo das súas tres voces. A percusión, os ritmos urbanos e o baile tradicional estarán presentes nos seus directos, nos que non faltarán cancións como 'Terra' e outras inéditas que formarán parte do seu terceiro disco. A banda xa ten confirmadas 34 datas, e ás que se sumarán anuncios de novos concertos nos vindeiros días.
Familiares das persoas falecidas no naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova volven solicitar unha reunión co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, porque non aceptan o informe técnico polo que non se retomará a busca dos 12 corpos desparecidos. Piden “un pouco de sensibilidade” e que a Administración cumpra co “compromiso adquirido” nun inicio. As familias avanzan que convocarán outra concentración o vindeiro sábado en Marín. [Imaxe de arquivo do Villa de Pitanxo © Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación]
A central térmica das Pontes vese obrigada a paralizar o seu funcionamento por falta de carbón. O paro nos transportes impediu que chegase un cargamento que espera no porto exterior de Ferrol. O pasado novembro Endesa comezou acumular carbón procedente de Indonesia e Casaquistán en Ferrol para abastecer a central. [Imaxe: Central de Endesa nas Pontes CC-BY José Antonio Cartelle]
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro de Portugal, António Costa, comparecen xuntos ao remate da reunión do Consello Europeo en Bruselas para trasladar que a Unión Europea recoñece “a singularidade ibérica” no que se refire á enerxía e que, polo tanto, ambos países poderán pór en marcha “medidas excepcionais” durante un período de tempo concreto para “rebaixar os prezos da enerxía” tanto para os consumidores como para a industria e as empresas. España e Portugal terán que presentar estas medidas á Comisión europea nos vindeiros días, que se pronunciará de maneira urxente. [Imaxe: reunión do Consello Europeo CC-BY-SA Pool UE]
A plataforma que convoca os paros no transporte de mercancías mantén a intención de continuar "co paro indefinido" despois da reunión coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez. O voceiro da Plataforma nacional por la defensa del transporte –minoritaria no sector–, Manuel Hernández, asegurou que precisan de "axudas á altura das circunstancias” e rexeitou o acordo co Goberno central. [Imaxe © Delegación do Goberno en Galicia]