A Xunta avanza a súa previsión de datas para os exames das oposicións ordinaria e de estabilización para o Sergas, cun total de 5.688 prazas. Nesta táboa interactiva pode consultarse o detalle.

A Xunta avanza a súa previsión de datas para os exames das oposicións ordinaria e de estabilización para o Sergas, cun total de 5.688 prazas. Nesta táboa interactiva pode consultarse o detalle.
Mònica Bernabé, Marcos Méndez e Reporteiros Sen Fronteiras, candidaturas ao Premio Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol e que chega á súa décimo novena edición. Mònica Bernabé é unha xornalista destacada polo seu traballo en Afganistán e Marcos Méndez é un freelance nado en Lugo que cubre a guerra de Ucraína en galego.
O Consello da Xunta decide recorrer ante a xustiza o recoñecemento por parte do Instituto Geográfico Nacional do topónimo 'ría del Eo' como equivalente ao tradicional 'ría de Ribadeo'. O Goberno galego di tomar a decisión co apoio entre outras institucións da RAG, o Consello da Cultura Galega, a Deputación de Lugo, o Concello de Ribadeo ou a USC. A Xunta aproba o recurso xudicial o día despois de anunciar un novo cumio galaico-astur.
O presidente do Parlamento chama a "manter vivo" o legado de Rosalía de Castro, "non vaia ser que os máis novos a confundan coa intérprete de Motomami". Miguel Santalices advertiu de que "o recoñecemento académico non garante o coñecemento popular" da poeta na presentación da obra Rosalía de Castro. Unha galega para un pobo, unha lingua e unha fala, de Teófilo Edicións, que xunta nun estoxo edicións de En las orillas del Sar, Cantares Gallegos e Follas Novas, xunto cunha biografía da escritora. [Imaxe: Parlamento]
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 956 persoas en febreiro en Galicia e quedan en 144.092, unha leve diminución do -0,66% fronte ao lixeiro incremento do 0,09% a nivel estatal, influído sobre todo polas subas en Madrid, Canarias e Murcia. Son 10.417 menos que un ano antes (-6,74%, -6,45% na media. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou un 0,49% en Galicia (0,44% na media), ata os 1,04 millóns de persoas, un 0,94% por riba do dato de febreiro de 2022 (+2,42% no total estatal).
Vén de ser derrubada a cheminea da central térmica de Meirama, de 204 metros de altura, despois de 40 anos de funcionamento ata o peche da planta en 2019. O pasado mes de decembro xa foi demolida a torre de refrixeración. Vídeo: © X. Bocixa
En busca e captura o salesiano dun colexio de Vigo condenado a 32 anos de cadea por abuso de menores. O condenado non ingresou en prazo en prisión tras diversos recursos infrutuosos que demoraron a execución da sentenza.
O BOE publica hoxe a nova lei de saúde sexual, que inclúe a nova regulamentación do dereito ao aborto, e mais a lei trans, tras as súa aprobación nas Cortes por amplas maiorías. O groso das disposicións da primeira e o texto íntegro da segunda entran en vigor mañá, 2 de marzo, o que tamén sucede coa nova lei de emprego, igualmente publicada este martes no Boletín Oficial do Estado. Na imaxe, a ministra de Igualdade, Irene Montero, no transcurso do debate final das dúas novas leis dependentes do seu departamento.
Sheila Patricia, Familia Caamagno, SÉS, Ataque Escampe, A Garota Não, Pedro Abrunhosa, Bárbara Tinoco ou LaMontagne & PicoAmperio, entre as bandas e artistas finalistas dos premios aRi[t]mar das músicas galegas e portuguesas. Xa están abertas as votacións no sitio web do certame para que o público escolla as súas preferidas.
El País publica as mensaxes entre membros da cúpula do Ministerio de Interior do Goberno de Rajoy que revelan a operación policial contra o independentismo e Podemos, baseada en investigacións sen orde xudicial e a difusión de informacións falsas aos medios. A información procede da operación Kitchen, a mesma na que está acusado o ex-ministro Jorge Fernández Díaz por espiar e roubar información a Luis Bárcenas para evitar a inculpación do PP no caso Gürtel de financiamento ilegal.