"Como redactar boas normas con claridade", novo curso da Xunta para o seu funcionariado. A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca un curso "para que este labor normativo se desenvolva de forma óptima".
"Como redactar boas normas con claridade", novo curso da Xunta para o seu funcionariado. A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca un curso "para que este labor normativo se desenvolva de forma óptima".
Feijóo volve esixir a dimisión de Pedro Sánchez e a convocatoria de eleccións xerais na sétima manifestación contra o Goberno de España organizada pola dirección estatal do PP nos últimos dous anos, desta volta baixo o lema Efectivamente, mafia o democracia. Tras o encarceramento do ex-ministro Ábalos, o anterior presidente da Xunta concluíu que "o sanchismo está no cárcere e ten que saír do Goberno" despois de que a presidenta da Comunidad de Madrid e líder do PP nesa autonomía, Isabel Díaz Ayuso, augurase un "asalto" da desaparecida banda terrorista ETA en Euskadi e Navarra. A comitiva do PPdeG na protesta estivo encabezada por Alfonso Rueda, que se amosou convencido de que Feijóo "tomará sempre as decisións máis convenientes para España". [Nas imaxes, -©PP e PPdeG-, Feijóo e Rueda en dous intres da mobilización]
Anova analiza o panorama político cara ás municipais nunha xornada con edís, alcaldes e ex-alcaldes de formacións municipalistas. O local como chave transformadora e Artellar para transformar: do local ao nacional foron os dous eixes de encontro, no que a organización que encabeza Martiño Noriega procurou a "revitalización organizativa e política" e "reivindicar o municipalismo como o espazo desde o que se pode reactivar unha política útil, próxima e transformadora" fronte ao que consideran como "xestión da monotonía que se instalou en boa parte das alternativas progresistas do país". Na imaxe, intervencións de Noriega e do ex-alcalde coruñés Xulio Ferreiro, canda a edil ferrolá Nerea Carballeira e a ex-concelleira compostelá Concha Fernández.
Alfonso Rueda e Paula Prado confirman a súa asistencia á manifestación convocada por Feijóo contra Pedro Sánchez, este domingo en Madrid, xunto a "outros representantes" do PP galego. Os conservadores vólvense manifestar baixo o lema Mafia o democracia tras o encarceramento provisional do ex-ministro Ábalos con reivindicacións como a dimisión do presidente do Goberno de España ou a convocatoria de eleccións xerais anticipadas. Na imaxe, Rueda e Prado o pasado xuño, na anterior manifestación promovida pola dirección estatal do PP contra Sánchez. [© PPdeG]
Feijóo pide á patronal catalá Foment del Treball Nacional que convenza a Junts per Catalunya para apoialo nunha moción de censura contra Pedro Sánchez, operación que necesariamente implicaría os votos de Vox. Esgrimindo razóns coma o encarceramento do ex-ministro Ábalos, o ex-presidente da Xunta e actual líder estatal do PP que o "compromiso" que asumiría nese hipotético escenario sería convocar eleccións xerais. [Imaxe: © PP]
As pensións contributivas de xubilación subirán arredor do 2,7% en 2026. É a estimación do Ministerio de Seguridade Social a partir do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) medio interanual calculado ao ter xa en conta o dato adiantado de novembro. Suporá un incremento medio duns 572 euros anuais. [Imaxe: CC BY-SA Ana Varela / Xunta]
O xuíz envía a prisión provisional sen fianza o ex-ministro Ábalos e o seu antigo asesor Koldo García. Decídeo, atendendo a petición da Fiscalía e das acusacións que coordina o PP, por risco de fuga a causa das elevadas peticións de cadea ás que se enfrontan no caso no que están procesados por múltiplos delitos en contratos de máscaras durante a pandemia da COVID. Feijóo convoca outra concentración contra Sánchez e di que é "a mazá podre". Na imaxe, José Luis Ábalos no Senado durante a súa etapa como ministro de Transportes.
O Sergas cifra no 5% o seguimento da segunda xornada de folga na atención primaria mentres profesionais médicos e sindicatos insisten en que a Consellería de Sanidade "manipula" os datos e elevan o apoio aos paros. O conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, non aclara como cuantifica o seu departamento as cifras. "Os datos son os que achegan as áreas sanitarias a través dos departamentos de recursos humanos; a cifra é a que é, non entendo a discrepancia", asegurou.
O dono de Sargadelos volve ordenar o peche da fábrica de Cervo logo dunha inspección. Segismundo García pide á Xunta que a expropie. O Goberno galego di que "cumpriu o seu compromiso" coa empresa e insta a dirección a "reiniciar a actividade canto antes en defensa dos dereitos dos traballadores".
Falece aos 72 anos o pintor José Freixanes, considerado un dos autores máis destacados da vangarda plástica galega. A súa obra é parte de coleccións de institucións tan destacadas coma o Centro Galego de Arte Contemporánea o Museo Reina Sofía, o Museo de Arte Contemporánea de Madrid ou o Museo de Arte Contemporánea do País Vasco, entre outras. A súa derradeira exposición desenvolveuse na galería compostelá Trinta en 2023. [Imaxe: © José Luiz Oubiña, facilitada pola familia por cortesía do Diario de Pontevedra]