A Xunta propón que o vindeiro curso escolar comece o 8 de setembro e remate o 19 de xuño. Así o recolle o borrador que a Consellería de Educación vén de remitir aos sindicatos da mesa sectorial docente.

A Xunta propón que o vindeiro curso escolar comece o 8 de setembro e remate o 19 de xuño. Así o recolle o borrador que a Consellería de Educación vén de remitir aos sindicatos da mesa sectorial docente.
23.854 sinaturas apoian a ILP Liberemos a Galega. As preto de 40 organizacións promotoras desta Iniciativa Lexislativa Popular para transformar a CRTVG (CSAG coa nova lei de medios) "nun servizo público verdadeiramente democrático, plural e ao servizo do pobo, liberándoa do 'secuestro' que exerce o Goberno galego do Partido Popular" presentaron este xoves no rexistro do Parlamento case o triplo de sinaturas necesarias para a admisión da proposta.
O Goberno de España acorda rescindir de maneira unilateral o contrato de munición cunha empresa israelí logo das críticas que ergueu dentro da coalición que forman PSOE e Sumar no Executivo. Denegará á compañía de Israel o permiso de importación do material por razóns de interese xeral e Interior rescindirá o contrato. Foto: © Goberno de España.
Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos con O lanzador de coitelos, un thriller que "atrapa o lector nunha atmosfera desacougante". Mestre de secundaria e con ampla actividade no teatro escolar e afeccionados, Castro obtivo previamente o Premio Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro ou o Roberto Vidal Bolaño. O galardón, o de maior dotación económica en Galicia, celebra o 75 aniversario da fundación da Editorial Galaxia.
O Goberno de España non concederá a Altri os 30 millóns de fondos europeos de descarbonización que pedía para a fábrica que prevé en Palas, segundo adianta elDiario.es. A compañía portuguesa, que impulsa a factoría canda a Greenalia, aspira a máis de 200 millóns en axudas públicas para este proxecto. Na imaxe, recreación da fábrica divulgada pola empresa.
Multa de 850.000 euros ás dúas empresas implicadas na explotación de inmigrantes en Begonte. A rede ilegal fora desmantelada en xaneiro logo dunha investigación iniciada tras unha alerta sobre a presenza de numerosas persoas de orixe africana nun hotel ilegal en Ordes.
O comité intercentros da CRTVG interrompe a xuntanza do Consello de Administración dos medios públicos "para defender a produción propia e esixir a fin da externalización". "Malia que na mañá asumiu con persoal propio a programación da morte do Papa ,a TVG cedeu ás produtoras d'O Termómetro a cobertura na tarde", indican. Ante a protesta, sinala a representación do persoal, "tres membros do Consello de Administración polo Partido Popular abandonaron a xuntanza canda o director xeral", mentres que "as representantes do BNG e do PSdeG, xunto a Alfonso Cabaleiro, conselleiro do PP, comprometéronse a pedir explicacións do acontecido". [Imaxes: CUT]
Pedro Sánchez anuncia máis de 10.000 millóns adicionais para gasto militar e de seguridade co obxectivo de que as partidas de defensa equivallan xa este ano ao 2% do produto interior bruto, segundo o comprometido coa OTAN, o que implica un incremento de seis décimas porcentuais. O presidente do Goberno de España asegura que esta operación non implicará recortes sociais nin subas de impostos.
O Sergas activa un plan para que os centros de saúde fagan cirurxías menores antes do verán. Estarán dispoñibles en centros de Lugo e Pontevedra co obxectivo de que en 2029 se estendan por toda Galicia.
San Xoán será festivo en 2026, segundo a proposta formulada pola Xunta este luns. Os outros dous festivos de carácter autonómico, unidos aos estatais, serán o 19 de marzo e o 25 de xullo, xa que o Día das Letras será domingo. Ademais, outros dous festivos son fixados por cada concello.