Chegan ao porto de Saint John, en Terranova, os tres sobreviventes do naufraxio do Villa de Pitanxo. Foron trasladados polo pesqueiro galego Playa Menduíña 2, que tamén chegou a terra 7 dos corpos dos tripulantes falecidos, segundo confirma o Goberno de España. O Estado ten previsto enviar mañá, domingo, un avión militar para a repatriación.
Fálase
A Xunta reitera cun recurso no Constitucional a súa esixencia de que as concesións privadas de terreos públicos no litoral poidan durar máis de 75 anos. O Consello do Goberno galego aprobou recorrer o precepto ao respecto da lei estatal do cambio climático, a cal ratificou na súa redacción final que non revogará concesións costeiras en vigor. O gabinete de Feijóo defende que "pon en risco a viabilidade das empresas que deseñaron os seus plans empresariais" contando con poderen ter prórrogas alén dos 75 anos.
O Río Breogán perde nos cuartos de final da Copa do Rei da ACB ante o Real Madrid por 73-67 nun encontro no que o conxunto lucense, malia ao lastre do mal primeiro cuarto, mantivo opcións de vitoria ata apenas tres minutos do remate, cando se achegaron a dous puntos (64-62) do rival. O encontro principiou cun minuto de silencio na memoria das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo. [Imaxe: © CB Breogán]
O PSdeG cuestiona o director xeral da CRTVG sobre o "veto á obra de Anxo Lugilde sobre saúde mental", A vella compañeira, nos medios públicos. Sánchez Izquierdo mantén que se debe unicamente a "criterios profesionais", mentres que a deputada socialista Noelia Otero, xornalista de profesión, ve "cando menos curioso" que a obra "non teña eco" nos medios públicos galegos dada a súa "repercusión en medios do conxunto do Estado". O responsable da corporación pública retruca que diversos autores que si aparecen na Televisión de Galicia e na Radio Galega non o fan noutros medios.
- HEMEROTECA | Anxo Lugilde: "A depresión é unha enfermidade totalitaria e con vocación asasina, domínate e tenta conducirte á morte"
Feijóo, sobre a guerra aberta no PP a conta do suposto cobramento irregular por parte dun irmán da presidenta de Madrid, Díaz Ayuso, que culpa das filtracións á dirección de Pablo Casado: "Necesitamos explicacións claras e contundentes dada a gravidade da información que coñecemos; cústame moito crer algunhas das cousas que se están publicando", afirma. "Se se contratou a alguén, paréceme inaudito", afirma sobre o suposto contacto da cúpula estatal do PP cun detective para investigar o asunto.
Así soa Solstício, a primeira colaboración de Baiuca con Carlos Núñez. Os músicos lanzaron esta alborada a pasada noite e xa se pode escoitar nas principais plataformas. [Imaxe: © Baiuca]
O Senado aproba a Lei de convivencia universitaria que deixa sen efecto a norma franquista que seguía vixente no Estado. O pleno deste mércores ratificou a nova lexislación para a comunidade universitaria, aprobada no Congreso o pasado mes de novembro, cos votos en contra de PP, Vox e UPN. [Na imaxe, estudantes nunha aula da Universidade de Vigo © UVigo]
Suspendida a manifestación na defensa da sanidade pública prevista para o domingo 20 en Marín. A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a vinte colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de expresar "o profundo pesar" ante o afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo: "Todo o noso cariño e apoio a familiares e amizades dos falecidos e desaparecidos".
A plataforma tamén manda o seu "afecto para a tripulación" do buque galego Playa Menduiña Dos, primeiro en chegar á zona, e á do portugués Novo Virgem da Barca e do resto do dispositivo de rescate. "Nas vilas mariñeiras como a nosa sabemos que o mar dá vida pero tamén causa dor... Quen máis, quen menos ten sufrido este tipo de traxedias no mar e hoxe son oito familias de Marín, compañeiros, amizades e veciñ@s quen choramos a perda dos nosos". Máis adiante, concretarán a nova data da mobilización para defender "o dereito a unha atención sanitaria digna", que xa fora aprazada polo mal tempo.
Tanxugueiras e os Red Hot Chilli Pipers, primeiras confirmacións para a edición 2022 do Festival de Ortigueira, que regresa despois de dúas edicións canceladas por mor da COVID. Será do 10 ao 17 de xullo, na "edición máis longa da súa historia". O concerto do trío de pandereteiras (que xa estiveron no festival no ano 2019) será unha das actuacións estelares desta edición. No caso da banda escocesa que mestura rock e música tradicional trátase da primeira ocasión que tocarán en Galicia.
A Xunta decreta tres días de loito oficial polo afundimento do Villa de Pitanxo. O presidente Feijóo leu esta mañá unha declaración institucional na que ofreceu "todo tipo de axuda" ás familias afectadas e o Goberno galego gardou un minuto de silencio e reduciu a súa axenda institucional, aínda que non a suspendeu por completo.