O Goberno de España lamenta a ausencia da Xunta na Convención para un Pacto de Estado Fronte á Emerxencia Climática que está a celebrar en Ponferrada. O delegado gobernamental en Galicia, Pedro Blanco, ve "difícil de entender que cando Galicia sofre peores vagas de lume, calor e secas, a Xunta non estea á altura e non participe" pero, ao mesmo tempo, "reclame máis recursos". Que o Executivo galego non asista, lamenta Blanco, evidencia que "están máis pendentes de seguir as directrices do PP" que de combater a crise climática. O encontro, no que este martes interveu Pedro Sánchez, aborda o primeiro informe estatal de riscos climáticos, que inclúe alertas sobre ameazas ao subministro de auga, enerxía e alimentos. Na imaxe, a ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, inaugurando o encontro. [© La Térmica Cultural]
