Altri merca a Greenalia as súas divisións de compra de madeira a propietarios forestais (Greenalia Forest) e loxística (Greenalia Logistics). A compañía portuguesa é socia da galega no proxecto Gama, co que buscan instalar a factoría en Palas de Rei actualmente pendente dos informes ambientais da Xunta, que o avala a través da sociedade Impulsa Galicia. "Con esta adquisición, Altri reforza a súa presenza en Galicia", di a empresa a través dun comunicado, no que especifica que prevé culminar a operación -da que non revela o importe- neste trimestre, unha vez acreditado que cumpre as "condicións previas" que son "comúns en transaccións desta natureza". Na imaxe, planta de biomasa de Greenalia [©Greenalia]
