O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindica na súa mensaxe de fin de ano ao PSdeG como a "alternativa aberta e inclusiva" para Galicia e chama a recibir o 2023 con "confianza e ilusión renovada". No vídeo da mensaxe, os socialistas amosan diversos actos e visitas realizadas por Formoso no ano que remata.
Fálase
A Xunta publica no DOG o reparto das subvencións anuais a empresas editoras de medios de comunicación na súa convocatoria de 2022, que distribúen 1,97 millóns de euros. Divulga tamén a asignación de axudas a empresas editoras de publicacións en galego, dotadas con 198.385 euros. Nas ligazóns inferiores podes consultar os gráficos interactivos coa distribución das achegas. Estas son as únicas convocatorias para o sector suxeitas a criterios obxectivos e o Goberno galego limítaas a empresas, excluíndo calquera outra forma xurídica. As restantes achegas a medios realízanse mediante outras fórmulas coma convenios, alén das insercións publicitarias.
O DOG publica este venres os orzamentos da Xunta para 2023 -cun récord de 12.600 millóns grazas a maiores ingresos de impostos estatais- e a súa lei de acompañamento -coa que muda outras 34 leis de todo tipo-. No espazo Orzamentos 2023 fomos contando nos dous últimos meses as principais medidas das novas normas.
Este xoves morreu aos 82 anos Edson Arantes do Nascimento, Pelé, referente mundial do fútbol que tamén tivo as súas conexións galegas. A principal, a través de Santiago Formoso, que xogou canda el no Cosmos de Nova York. O documental Alén do Cosmos (2016) contou a súa historia. Na imaxe, tirada do documental, Santiago Formoso con Pelé. O xogador tivo tamén unha ligazón empresarial co noso país, a través dunha marca de pantalóns vaqueiros xunto a Manoel Soto, alcalde de Vigo de 1979 a 1991.
O Consello da Xunta autoriza a sinatura do convenio co Concello de Lugo e o Goberno de España para a construción da estación intermodal da cidade. O complexo situarase no actual emprazamento da estación ferroviaria e á Xunta correspóndelle a construción da nova terminal de autobuses e mais executar a obra dun novo aparcadoiro subterráneo, proxectado polo Adif. O custo total da intermodal lucense rolda os 50 millóns de euros e está cofinanciado polas tres administracións, que prevén concretar unha achega de fondos FEDER da UE "nos primeiros meses de 2023". No vídeo, elaborado polo Adif, recreación da futura intermodal de Lugo. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, considera unha "boa nova" a aprobación e espera que "poidamos asinar en breve o convenio", se ben lembra que "se o PP non paralizase en 2012 a adxudicación, posiblemente agora xa estariamos gozando desa nova infraestrutura"
Os buses interurbanos galegos manterán o desconto do 50% no novo ano. O Goberno de España e a Xunta manterán as súas achegas respectivas do 30% e o 20%. A medida aplícase tamén ao transporte da ría de Vigo e o tren de vía estreita na área de Ferrol. A Xunta publica este xoves no DOG a orde coa que se suma á prórroga desa medida decidida polo Estado no marco das súas novas decisións ante a crise de prezos. [Imaxe: Monbus]
📺 O BNG comparte a mensaxe de fin de ano da súa portavoz nacional, Ana Pontón, gravada na cociña da súa casa familiar en Chorente (Sarria). Dende alí, Pontón sinala que "cada ano volvo a esta cociña, porque desde as raíces somos capaces de avanzar e, por iso, a pesar das dificultades, teño confianza no futuro, porque teño confianza en Galiza e en todos e todas vós", afirma.
O PP de Feijóo advirte de que manterá o bloqueo do Consello Xeral do Poder Xudicial alegando "escravitude moral" de Pedro Sánchez con ERC e EH-Bildu. O órgano de goberno da xudicatura leva co mandato caducado dende 2018, ano no que os populares perderon o Goberno de España e dende o que se negan a participar na renovación, que precisa dunha maioría reforzada na que son imprescindibles. [Imaxe: © PP]
O Estado subvencionará máis da metade da suba prevista na peaxe da AP-9 pola inflación e a compensación de obras pasadas. A medida forma parte do decreto lei anunciado por Pedro Sánchez co que o Goberno do Estado limita a suba das peaxes nas autoestradas ao 4%, e engádese aos arredor de 70 millóns que os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 xa inclúen para subvencionar os descontos xerais desta mesma autoestrada. O decreto lei aprobado este martes no Consello de Ministros para facerlle fronte ás consecuencias económicas e sociais derivadas da guerra na Ucraína tamén inclúe a subvención do 4% da suba prevista na peaxe da AP-53.
👉Ampliamos as informacións:
Logran retirar o autobús sinistrado que caeu ao río Lérez o pasado día 24 causando sete mortes, con dúas persoas feridas. Un gindastre conseguiu retirar o vehículo [na imaxe © Maica Larriba] desde a ponte de Pedre (Cerdedo-Cotobade) tras ser estabilizado e pousouno de novo na estrada. Houbo que interromper o tráfico na N-541, que será restablecido cando a estrutura do guindastre sexa retirada, segundo confirmaron ao 112 Galicia os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.